O Boimorto, co central Nacho en nómina, xa suma cinco caras novas

LA VOZ SANTIAGO

BOIMORTO

cedida
cedida

O Arzúa preséntase ante a súa afección nun partido amigable fronte ao Estradense e o Ordes ponse en marcha en Vista Alegre

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O coruñés Nacho (1993), defensa central do Atlético Coruña Montañeiros, converteuse no quinto reforzo para o Boimorto de Claudio Corbillón. O defensor xogou anteriormente no Silva e no Calasanz. Agora, o técnico busca un mediocentro ou un central para pechar o seu persoal e afrontar con garantías o reto de conseguir a permanencia na nova categoría. Polo momento, o Boimorto conta con cinco caras novas. Ademais do central Nacho, asinaron o porteiro Manu, os centrocampistas Sergio Monterroso e Numa, e o dianteiro Kevin. Seis dos heroes do ascenso non seguirán no equipo.

A semana pasada, o Boimorto disputou o seu primeiro partido de pretemporada. Foi ante o Carral e o choque acabou en táboas: 1-1. Joseba anotou o tanto do once que prepara Corbillón. O domingo, o Boimorto enfrontarase ao Eume na primeira eliminatoria de Cópaa Deputación.

Presentación do Arzúa

O Arzúa xa ten case pechada o seu persoal para o novo curso na Preferente. O último en chegar foi o central Rucho, que se sumou ás cinco altas anteriores dos defensas Daniel Vega e Adrián Mosteiro, o porteiro Tasende, o lateral dereito David e o centrocampista García. O Arzúa presentarase esta noite ante a súa afección (21.30 horas), no municipal do Viso, nun partido amigable fronte ao Estradense.

O Ordes ponse en marcha

O Ordes, que esta campaña adestrará Iñaki Tembra, porase en marcha esta tarde no campo municipal de Vista Alegre. O primeiro adestramento do conxunto da Preferente Galicia iniciarase ás oito.