«O destino quixo que fose no Camiño onde coñecín á miña esposa»

emilio forján NEGREIRA / SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Ataviados cos traxes da súa ligazón en Valencia, onte agradeceron a súa unión ao Apóstolo

27 jul 2017 . Actualizado ás 23:45 h.

O Camiño une. E no caso de Eduardo da Xara e Chelo Posadas , ata o matrimonio. Mexicano con raíces galegas el e valenciana ela, a parella celebrou as súas nupcias o pasado sábado en terras levantinas, pero xa están por Galicia. E cos traxes de noivos nas súas maletas, porque se algunha intención traía a súa volta a Santiago era a de acceder á Catedral ataviados con eles para agradecerlle esa unión ao Apóstolo. Porque Eduardo e Chelo coñecéronse no Camiño, no de Fisterra en concreto.

Hai xa dous anos diso, o mesmo tempo que comparten estreita amizade cos dous socios propietarios do albergue Anjana, de Negreira. Tan estreita que Sara e Miguel, que curiosamente tamén se coñeceron na ruta xacobea, colgaron a pasada fin de semana o cartel de pechado e cruzaron o país ata o Mediterráneo para irse de voda, a pesar de ser tempada alta e cando o albergue non pecha nin para as nupcias dos seus mellores amigos, apunta Sara Ramos.

Unha invitación en forma de credencial de peregrino e co ofertorio reclamábaos nunha cerimonia infestada se simboloxía xacobea, como a presenza das frechas amarelas do Camiño, aínda que tampouco faltaron os mariachis para cantarlle á noiva.

«O destino quixo que fose no Camiño onde coñecín á miña esposa, aínda que houbo unha conexión moi forte entre os dous co paso do tempo que eu non atopara en ninguén antes», revela Eduardo, coñecido por Lalo e con avós na localidade pontevedresa de Doade.

A súa é «unha historia incrible» que co paso dos días foi converténdose nunha relación máis reforzada, grazas ás súas vivencias no Camiño, sostén esta parella que, no entanto, atribúe a Sara un claro papel de celestina. «Foi unha das protagonistas, porque caemos nas súas mans e foi a que máis nos animou a dar o paso», conta Chelo.

A noite en que chegaron por primeira vez a Negreira, a principios do mes de xullo do ano 2015, o albergue Anjana estaba pechado pola verbena de San Eutelo que se celebra diante do aloxamento. Lalo viaxaba coa súa irmá Mariel, e a súa agora esposa, con dous curmáns valencianos. «Tiñamos os pés esnaquizados e despois de estar na festa, pedímoslle a Sara que nos deixase durmir porque era tarde. Accedeu, e foi unha madriña do Camiño que nos marcou para sempre», lembra Chelo, que ademais incide en que Sara «nos apoiou sempre, porque dous anos na distancia non foi doado, tampouco polas diferenzas culturais e de idade», aínda que afirma que a hospitalera sempre o viu claro.

Tanto a Lalo como a Chelo, o Camiño de Santiago descubriulles distintos aspectos de si mesmos, relata Eduardo, quen sostén que tamén «che vas dando conta de que na mochila vas cargando peso que non che serve, que estorba». «Así é a vida -engade-, hai cousas que tes que refugar para que sexa máis lixeira e así foi, porque eu ao final non tiña nada na mochila e o único que me enchía era Chelo», confesa Lalo, quen xunto coa súa esposa fixo súa a frase distinto Camiño, pero coa mesma esencia peregrina.

Lalo e Chelo, aos que onte acompañaban varios familiares e amigos, algúns chegados expresamente desde México para a ligazón, celebrarán esta particular lúa de mel en Galicia achegándose ata o cabo de Fisterra para gozar da súa posta de sol. Despois desprazaranse a Valencia e, máis tarde, iranse ao país de Lalo, aínda que teñen en mente regresar pronto a España.

Lalo e Chelo. Coñecéronse facendo o Camiño de Fisterra hai dous anos e hoxe son matrimonio.

Andando ata a Catedral. O matrimonio, que celebrou a súa ligazón o pasado sábado, agradeceu ao Apóstolo a súa unión. E chegaron ao Obradoiro a pé desde a periferia da cidade.