Marc Sánchez, corredor do Padronés Cortizo Anova, campión de Valencia

LA VOZ SANTIAGO

SANTIAGO

cedida
cedida

Máis de cen ciclistas completaron un percorrido de 140 quilómetros

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Varios integrantes do Cortizo-Anova desprazáronse ata Novelda (Alacante) para disputar o trofeo Santa María Magdalena, que este ano foi tamén o Campionato de Valencia para as categorías elite e sub 23. O corredor valenciano do club ciclista Padronés, Marc Sánchez, proclamouse campión sub 23 e acabou no quinto posto da clasificación xeral.

A proba, organizada pola Unión Ciclista Novelda, arrincou con máis dun centenar de corredores que completaron catro voltas a un percorrido moi esixente no que sumaron un total de 140 quilómetros. A vitoria decidiuse ao esprint, rozando Jorge Martín Montenegro o triunfo. Ao final foi segundo. O primeiro premio da clasificación xeral adxudicoullo o corredor ruso Alexsander Grigoriev, do Mutua Levante.

O Cortizo-Anova tivo outras frontes durante estes días. Na Volta a Sevilla, o club galego clasificou a dous dos seus corredores entre os mellores, aínda que ningún deles conseguiu subirse ao podio. Javier Cantero finalizou no posto 13 e Gonzalo Cubino rematou no 15. quedaron a tan só dous segundos do vencedor da clasificación xeral.

A proba sevillana contou con dúas etapas, a primeira de 131,2 quilómetros e a segunda de 111,5. O primeiro día, Cantero acabou no posto 10 e Montenegro, no 14. Na segunda xornada, Gregori e Cantero estiveron presentes na escapada máis importante do día, pero foron acadados a oito quilómetros da meta.

En Ourense, Aser Estévez, do Cortizo-Anova, gañou a contrarreloxo do Campionato de España Open. Ademais, o corredor do Padronés Miguel Ángel Mera venceu na sexta edición do Txuma Internacional de cadetes.