Escena exigua

Ignacio Carballo González
Ignacio Carballo A SEMANA POR DIANTE

SANTIAGO

27 jul 2017 . Actualizado ás 22:28 h.

Observo nas paredes do acceso ás oficinas do Obradoiro e o Santiago Futsal, no Multiusos de Sar, espectaculares fotografías de grandes concertos celebrados no circular pavillón e dáme un ataque de nostalxia, primeiro, e de frustración, acto seguido. Esas fotos levan, xunto aos artistas de relumbrón que se faría longo citar, datas de dous lustros atrás. E todos lembramos os grandes concertos no auditorio do Monte do Gozo durante os Xacobeos de viño e rosas, hoxe improbables naquel formato macro sostido por fondos públicos. E volvo sobre o calendario de concertos deste verán en Galicia e constato unha evidencia que non é só estival, senón que percorre o calendario anual, non só deste 2017, xa vén de atrás: Santiago non existe na programación de grandes espectáculos en Galicia. A Coruña e Vigo gañan por goleada. A centralidade de Compostela e a súa accesibilidade desde o norte e o sur, xunto á súa tradición cultural, puxeron base hai uns anos á lóxica iniciativa de converter á capital no primeiro escenario de Galicia, capaz de situar á comunidade no circuíto de grandes eventos a nivel non só español, senón internacional. Fume. A realidade é descorazonadora. Quen teñen que enfilar a autoestrada son os composteláns. Non hai iniciativa institucional para promover ou apoiar a promoción de espectáculos de gran tirón. O todo gratis e promocionar aos de casa está moi ben e é necesario, pero non basta. E outros que poderían contribuír a devolver o brillo, como o propio Multiusos, están atenazados pola propia inseguridade na xestión a medio prazo. Non se programa dun día para outro. Hoxe, Sabina na Coruña.