A coordinadora de En Marea recoñece que fracasou no seu intento de convocar un acto único para o 25J

SANTIAGO

Non se sumarán á tradicional manifestación do Día dá Patria porque "non vai ser un acto unitario"

22 jul 2017 . Actualizado ás 14:36 h.

A coordinadora de En Marea deu a coñecer esta mañá o programa da festa coa que celebrarán o 25 de xullo na leira de Vistalegre, en Santiago. Segundo Victoria Esteban e Gonzalo Rodríguez, o lema co que se convoca: «A Galicia que queremos» ten un dobre sentido porque «é a que amamos e a que queremos construír dende a pluralidade».

A En Mareas non lle parece mal que se convocaron diferentes actos para ese día porque, entende a coordinadora, «o importante é que se celebre, hai organizacións como Podemos que o van facer este ano por primeira vez, o que chama a atención é que partidos como o PP ou o PSOE non vaian facelo». Con todo, Rodríguez recoñeceu que En Marea tratou de facer un acto conxunto cos partidos da chamada confluencia pero que non foi posible chegar a un acordo. Tampouco o foi co BNG, porque aínda que En Marea estaba disposta a sumarse á tradicional manifestación do 25J, «o ano pasado tratouse de convocar un acto conxunto, colectivo, pero o BNG dixo que non era unitario, que quen quixera se sumara».

En todo caso, En Marea abre a súa festa do Día dá Patria «a outras forzas políticas» porque mantén que o seu é «un espazo común».

A xornada empezará ao mediodía en Vistalegre, a só uns metros da romaría de Anova . Haberá intervencións políticas de diferentes colectivos, unha comida campestre con prezos populares, música, poesía e actividades para os máis pequenos, ademais dunha árbore do que se poderán colgar os desexos «da Galicia que queremos».