Pika: «Foi unha pena, tiñámolo na nosa man»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Paco Rodríguez

O técnico do Bastavales destaca o apoio da afección na final da Copa do Sar

26 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Alberto Fernández, Pika, acabou moi enfadado o partido, pero non cos seus xogadores, senón coa actuación dun dos xuíces de liña do partido que enfrontou ao seu equipo, o Bastavales, contra o Piloño en Santa Isabel, na final da edición número 50 da Copa do Sar. «Faltaban tres ou catro minutos para o final e fóillenos a Copa. Non puido ser. Foi unha pena, porque o tiñamos practicamente na nosa man», explica o adestrador do conxunto perdedor.

Pika lembra que «na segunda parte parecía máis preto o segundo gol do Bastavales que o empate do Piloño, pero o fútbol é así e non podemos quitarlle méritos ao rival». A pesar de quedar sen trofeo, o técnico rojillo entende que o seu equipo asinou «unha tempada para enmarcar. Xa o sabiamos fose cal fose o resultado da final. Para nós é un orgullo meter tanta xente en Santa Isabel. Non hai nada que reprocharlle aos meus xogadores».

Sobre as razóns polas que o Bastavales deixou escapar a súa vantaxe na final ante o Piloño, Pika subliña que nos fallaron as pernas ao final, pois levamos once meses moi duros. Xa nos últimos partidos notabamos que non chegabamos ben ao final, faciámolo sen moita forza». Tamén os erros defensivos foron determinantes no marcador final: «Os goles do Piloño chegaron por fallos defensivos, sobre todo o do empate. Todos estes fallos foron provocados pola falta de frescura. Cando estás así non chegas aos balóns coa mesma contundencia». Para Pika, o Piloño partía como favorito na final das Copa do Sar: «É un equipo que militou nunha categoría superior, na que imos xogar nós a tempada que vén. Sabiamos que o rival era un equipo con moita fortaleza física, con xogadores importantes na creación».

A falta de banco notouse moito no Bastavales, que non fixo cambios na prórroga: «Somos un equipo modesto e humilde. Non imos queixarnos por iso. O Piloño gañou xustamente e xa está. Ímonos quedar co ambiente e co numeroso público que veu apoiarnos a Santa Isabel».