A USC inaugura en Ciencias da Comunicación a aula Nacho Mirás

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO

SANTIAGO

Marco Gundín / Marta Carballo

A Universidade bautiza co nome do xornalista a clase na que impartía «Redacción xornalística»

09 mares 2020 . Actualizado ás 16:45 h.

Non soportaba estar enjaulado. O seu era facer quilómetros a lombos do seu vespa e falar. Falar moito. Sobre todo falar coa xente. E logo contalo daquel xeito que tiña de contar as cousas. Pintando con palabras. Con esa visión que era única. Pero ás veces, gustáballe estar entre catro paredes. Gustábanlle especialmente as da aula de informática 2 da Facultade de Ciencias da Comunicación. Alí, rodeado doutra das súas grandes paixóns, a tecnoloxía, inoculaba ás novas xeracións de xornalistas ese veleno que el levaba tan a flor de pel: o de contar historias. E como as contaba. Desde hoxe, esas catro paredes levan o seu nome. A Universidade de Santiago bautizou a aula 2 de informática como Aula Nacho Mirás. Un momento emocionante, «sobre todo por unha cousa, porque a Nacho lle encantou». Ainhoa Apestegui, a muller de Nacho, tamén leva o xornalismo nas veas. Tamén exerce o oficio. E esta mañá tamén entrou nesa clase. A clase de Mirás. «Encantáballe estar en todos os sitios e seguro que lle tería encantado ter unha aula, e sobre todo a aula que lle fixo tan feliz». Gozaba. «Encantáballe inocular ilusión, eu creo que el tamén cargaba pilas na facultade». Quería exercer. Pero tamén se imaxinaba na facultade, falando cos alumnos, con todos os que pasaron pola súa aula, a Aula Nacho Mirás, durante os catro anos que deu clase. 

Lémbrao tamén Xosé Pereira, por aquel entón decano de e hoxe vicerreitor de Comunicación. «Estamos encantado de bautizar unha aula co nome dun profesor que foi absolutamente intenso». A aula «combina o xornalismo, porque aquí é onde se dá redacción xornalística, a tecnoloxía, porque el era un forofo, e ademais está a carón da cafetería, porque era onde arranxaba os problemas que se xeraban na aula». Era o sitio. Ningún outro sitio da facultade era máis adecuado para levar o nome Nacho. Pereira lémbrao entrando por primeira vez na facultade, presentándose. E póndoo todo patas para arriba. Creando unha auténtica redacción cos estudantes de primeiro curso. Aprendían os mozos. Aprendía Nacho. «Dicía, agora xa temos claro isto, agora imos buscar noticias. Agora imos producir. Agora imos redactar. E agora imos redactar en múltiples soportes». Montou unha estrutura de servidores na que se gardaba un blogue para os estudantes. Un portfolio para que cada xornalista novel puidese gardar todos os traballos da carreira.

«Sabíase o nome e os apelidos de todos, absolutamente de todos os seus alumnos», lembra Ainhoa. A partir de hoxe, o nome e o apelido de Nacho Mirás tamén permanecerá na memoria dos xornalistas. Os que xa exercen. Os que están a estudar. E os que o día de mañá cruzarán a porta da aula 2 de informática para aprender. Aprender o oficio. Con maiúsculas.