O BNG require a apertura do Cegadi tras cinco anos desde a finalización das obras

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

As instalacións,  pioneiras no Estado para o tratamento integral da discapacidade, teñen como data de apertura o primeiro semestre do 2017

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O BNG denunciou onte a situación do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), situado en Salgueiriños, que aínda non foi inaugurado a pesar de que leva cinco anos rematado. Quere saber o Bloque a data prevista para a apertura das instalacións e, a ese efecto, presentou senllas preguntas no Concello e o Parlamento galego.

O proxecto remóntase ao ano 2007, en que empezou a obra cun orzamento de 8,7 millóns de euros, e leva xa neste momento 13 millóns consumidos, segundo denunciou onte Rubén Cela.

Sucesivos «episodios», resultado de «desatinos» da Xunta, han ir freando a inauguración do centro, que leva dez anos á espera de ofrecer as súas complexas instalacións aos discapacitados. Destaca que en Galicia hai 250.000 persoas que son potenciais usuarios do Cegadi. «Trátase dun centro de vangarda, pioneiro no Estado para o tratamento integral da discapacidade», recalca Cela, que critica os sucesivos anuncios de apertura da Xunta. O último deles ten como data inaugural o primeiro semestre do 2017.