O Clínico optimiza o tratamento para pacientes con cancro de pulmón avanzado

j. gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

cedida

Implanta nova tecnoloxía que se prevé aplicar máis adiante para outros tumores, como os de mama ou colon

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Uns 200 pacientes con cancro de pulmón avanzado, non operable, que supoñen sobre o 60 % dos 300 casos deste tumor tratados anualmente pola sanidade pública en Santiago, beneficiaranse dunha nova tecnoloxía para optimizar o seu tratamento. Denomínase técnica de secuenciación masiva de nova xeración e realízase no laboratorio de bioloxía molecular do servizo de Anatomía Patolóxica.

Comezará a utilizarse de inmediato, tras póla en marcha e formar ao persoal: «Permitirá, a partir da análise de mostras de tecidos, como unha biopsia bronquial ou unha punción, identificar diversas mutacións para as que hai fármacos dirixidos, que melloran a eficacia no tratamento», explica José Antúnez, xefe de Anatomía Patolóxica.

«Os últimos anos desenvolvéronse fármacos específicos para estes pacientes con cancro de pulmón avanzado, que teñen unha mutación e responden a un determinado tratamento. Nunha soa proba imos identificar múltiples mutacións que teñen un fármaco dirixido; este é o principio do medicamento personalizado. Ata agora o faciamos en diferentes probas sucesivas; e agora, nun só test, optimizamos a mostra, para que o paciente non realice máis tomas de biopsia; e que no futuro, a medida que saian novos fármacos, póidanse incorporar a esta tecnoloxía», agrega Antúnez.

Para ter resultados con esta nova técnica «tardaremos entre 5 e 7 días. A vantaxe é que se poden identificar moitas máis alteracións, optimizar máis o material que analizamos; é máis sensible que a tecnoloxía de que dispuñamos ata agora», sostén este especialista.

O CHUS é pioneiro na sanidade galega en incorporar esta tecnoloxía, informa a xerencia do Sergas para a área sanitaria. Salienta que, ata agora, dispoñen deste avance poucos centros en España, e que no caso de Santiago supuxo un investimento duns 200.000 euros.