Un padronés que podou as árbores dun veciño e pegoulle terá que pagarlle á vítima e ao Sergas

La Voz

SANTIAGO

A propiedade dos terreos é obxecto de discusión, polo que o conflito acabou nos xulgados

27 abr 2017 . Actualizado ás 18:30 h.

Carlos Guimarey Oliveira cre que moitas leiras do lugar de Cortiñas, na parroquia padronesa de Herbón, son súas. Por iso as limpa e poda as súas árbores. O problema é que a propiedade de moitos deses terreos está discutida e ese conflito, unido á súa reacción violenta, foi o que onte lle sentou no banco da sección compostelá da Audiencia Provincial.

O 7 de abril do ano pasado, Guimarey estaba podando unhas árbores nunha desas leiras que cre que son súas pero que outros veciños aseguran o contrario. José Manuel Pérez García, farto da actitude do acusado, achegóuselle para advertirlle que o terreo que pisaba era seu. O que recibiu por resposta non foi un título de propiedade, senón unha puñada que lle rompeu o nariz e un forte golpe no peito, polo que denunciou ao seu veciño e agresor.

O fiscal pedía un ano e nove meses de prisión para Carlos Guimarey e o pagamento de 6.000 euros de indemnización. Para evitar males maiores, o acusado aceptou declararse culpable e evitar a pena de cárcere pagando 5.000 euros á súa vítima e os 670 euros que gastou o Sergas en curarlle. Tamén deberá abonar unha multa de 360 euros. O diñeiro pagarao en tres prazos, pero máis lle custou ter que admitir como feito probado que a leira e os arboles que motivaron a disputa non son seus. Ao final, tivo que recoñecelo ante o tribunal, aínda que fose de mala gana.