O Obradoiro prepara a visita a un Valencia que quere o liderado

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Sato advirte de que os equipos que loitan pola permanencia nunca son doados cara ao final de tempada

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«O único que podemos facer é centrarnos en facer o noso, que é intentar gañar. E nin sequera pensar máis aló do sábado, mesmo do próximo adestramento. Debemos pensar no agora, traballar duro e xa veremos o que pasa despois». A cita podería levar perfectamente a firma de Moncho Fernández, pero quen a subscribe é un dos xogadores que terá o Obradoiro en fronte este sábado, o veterano Romain Sato.

O Valencia quedou esta tempada á porta de dous títulos. Perdeu a final da Copa do Rey ante o Real Madrid nun partido extraordinario, que puido caer para calquera lado. E escapóuselle a Eurocup ante o seu público no terceiro duelo, nun encontro que case tiña no peto. Agora busca o liderado.

A tenor das palabras de Sato, o colectivo santiagués xa sabe de antemán que se vai atopar un rival en estado de alerta: «Nunca é doado xogar ao final de tempada contra equipos que están a loitar por manter a categoría. Para eles cada partido que queda é unha final e unha oportunidade de afastarse de abaixo. Veñen aquí sen presión, sen nada que perder, e se conseguen sacar unha vitoria poden practicamente estar salvados. Sabemos isto perfectamente, agardamos un partido duro e complicado e estámonos preparando para iso».