A bolsa Nacho Mirás amplía a súa dotación económica

SANTIAGO

XOAN A. ADOITAR

A Facultade de Xornalismo porá o nome do xornalista de La Voz á aula na que impartía clase

27 abr 2017 . Actualizado ás 16:31 h.

A bolsa Nacho Mirás para novos titulados ampliará a súa achega económica, dos 5.000 euros da primeira edición aos 6.000 dun premio que volveu a convocar o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Abanca. A segunda convocatoria do certame en homenaxe ao xornalista de La Voz de Galicia foi presentada onte na Facultade de Xornalismo na que era docente e que, como adiantou o seu decano, Xosé Ramón Pousa, descubrirá unha placa o 3 de maio na aula na que impartía clases Nacho Mirás, e que levará o seu nome.

Os interesados en presentar os seus traballos a esta segunda edición do premio poderán facelo antes do 30 de maio, tal e como indicaron esta mañá na presentación do premio o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco Xosé González Sarria, e Xosé Luis González, de Abanca. Tamén acudiron os novos xornalistas gañadores dos premios do ano pasado, que deron a coñecer os resultados dos seus proxectos, Mediamapa, que identifica e analiza os medios de comunicación en Galicia, e Punto e Volta, que estuda as músicas e bailes tradicionais.