PX 2017

Cristóbal Ramírez

SANTIAGO

25 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Venres pola tarde. Bulicio xuvenil no hotel Peregrino. Un centenar longo de adolescentes, profesores e máis dun familiar pululaban sen parar por alí e sen ocultar uns sorrisos nerviosos, a máis diso algún rostro que denotaba tensión.

Sábado pola mañá. Mesma escena, pero no Parlamento de Galicia. E é que en ambos os sitios se celebraba -nunca mellor dito- a fase final do PX 2017. Ou sexa, do Parlamento Xove, esa liga de debate que da man de Ovidio Rodeiro primeiro e Cecilia Vázquez agora (ambos, a cargo de a Dirección de Xuventude) consolidouse como referente na cada vez máis necesaria educación en valores.

O de menos é que ningún dos dous gañadores sexa un instituto da comarca compostelá: os premios gordos fóronse para Becerreá e para Vilagarcía de Arousa. Nin sequera que o santiagués La Salle haxa chegado á final (xa gañou no pasado e mantén sempre un nivel alto) é consolo nin deixa de selo.

O importante é que o exemplo que deron a fin de semana un centenar de alumnos de ESO e de bacharelato esténdase por toda Galicia: o respecto polo adversario, a réplica forte pero facendo gala dunha exquisita educación deberían ser a bandeira de todos. Tamén dos lexítimos ocupantes dos escanos parlamentarios onde estes rapaces se sentaron o sábado, máis ocupados algúns daquelas na algarabía infrutuosa que na procura de solucións aos problemas cotiáns da cidadanía.

E, por certo, igualmente debería acudir o ano que vén ao PX 2018 algún dos concelleiros tanto composteláns como da comarca. Non lles viría nada mal ver como se discute limpamente e felicítase ao gañador.