Medicina contará con 22 profesores máis en catro anos

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

Xunta e USC acordan sacar a licitación o proxecto básico da nova facultade

24 abr 2017 . Actualizado ás 19:21 h.

Nunha reunión mantida esta tarde entre o reitor e o xerente da USC cos conselleiros de Educación, Sanidade e Facenda acordouse sacar a licitación de inmediato o proxecto básico da nova Facultade de Medicina de Santiago, que Román Rodríguez calcula que estará listo a finais do 2017 coa intención de redactar o proxecto de execución e o de obra ao longo do seguinte para empezar os traballos de construción do novo complexo que albergará Medicina , Odontoloxía e Enfermería a finais do 2018. O novo edificio podería estar listo a finais do 2020.

No encontro tamén se abordou o problema da falta de profesorado polo elevado número de xubilacións que sofre Medicina , o que se traduciu nun novo plan polo que se dotará á USC de 22 novas prazas de facultativos-docentes no prazo de catro anos.

Aínda que o custo da nova facultade está por concretar, calcúlase, de entrada, que a Xunta achegará ao redor de 22 millóns e a USC outros 10, aínda que o reitor, Juan Viaño, cifrou en 39 o custo total o proxecto, unha cifra que se concretará en canto estea listo o proxecto básico, que delimitará tamén os espazos e usos da parcela na que se situará o complexo, nas actuais dependencias do Gil Casares.