O bipartito de Negreira reparte o goberno ao 50% entre PBN e PP

negreira / a voz

SANTIAGO

Haberá un plan de aforro dunha débeda cifrada en máis de dous millóns

16 jun 2011 . Actualizado ás 06:00 h.

O novo goberno de coalición que rexerá os destinos do concello de Negreira, representado polos catro edís do Partido Blanco de Negreira (PBN), entre eles o alcalde electo, José Blanco Pazos, así como os tres concelleiros do Partido Popular (PP), deu a coñecer onte a composición das seis áreas de goberno, que se reparten a partes iguais.

Así, Obras, Urbanismo e Medio Rural é para o candidato popular, Juan Rey Maceira, mentres que Manuel Hombre Porto (PP) asume as competencias de Xuventude e Deportes, ademais de ser designado como portavoz do equipo de goberno. A número tres popular, Lorena Rivas Rial, encargarase da concellaría de Economía, Facenda e Emprego.

E no Partido Blanco de Negreira (PBN), Jesús Capeáns Gómez asume as áreas de Industria e Comercio; Luis Calviño Pueyo terá as responsabilidades de Educación e Cultura, e para rematar, Cintia Picado Costa as de Sanidade e Servizos Sociais, aínda que tamén prestará apoio legal na área de Urbanismo, Obras e Medio Rural, segundo informou o portavoz do novo goberno municipal.

En canto aos primeiros labores nos que se está centrando o novo goberno, Manuel Hombre destacou o apartado económico por canto os datos que manexaban desde a oposición, dunha débeda municipal situada na contorna dos dous millóns de euros, van incrementarse sobre esa cifra pois, segundo o portavoz do goberno, «aínda están a entrar moitas máis facturas», recalcando que será necesario un plan de aforro con recorte do gasto corrente, unha vez que hai partidas xa esgotadas para este ano, e que aínda non se aprobou o orzamento do presente ano. Tamén aludiu a unha débeda de 90.000 euros que reclama a firma que executou as obras do paseo fluvial de Barcala.

Outra das prioridades fixadas polo novo equipo municipal céntrase en reactivar o tan traído e polémico polígono empresarial de Covas. Hombre Porto subliñou que as obras de conexión do colector de augas residuais á rede xeral, en Campos, executaraas Pontes e Calzadas, a firma que urbanizou os terreos a través dunha subcontrata. As obras, dixo, comezarán nos próximos días.