Rocafort tensa o tripartito de Sanxenxo

Marcos Gago Otero
MARCOS GAGO SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

MARCOS GAGO

O BNG e o PSOE de desmarcan de Pita e apoian o proxecto da Deputación

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:45 h.

O BNG e o PSOE, socios de SAL no tripartito de Sanxenxo, desmarcáronse onte do alcalde, Gonzalo Pita, que reclamou o martes dous cambios na reforma de Luis Rocafort á Deputación. Nacionalistas e socialistas apoian sen fisuras o proxecto aprobado pola Deputación e que se está executando na avenida, restando valor ás afirmacións e retos do rexedor á institución provincial. O portavoz do BNG, David Otero, negou que exista unha crise de goberno ou que este perige por . «20 prazas de aparcamento»Admitiu a existencia de «discrepancias» na coalición, pero pediu que «ninguén vexa máis do que é». Engadiu: «As discrepancias non sempre son malas e as unanimidades permanentes non son cribles». Otero definiu a polémica como un «cruzamento de palabras» entre o alcalde e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez (BNG), unha «tormenta nun vaso de auga».

O líder do BNG sanxenxino rememorou a lista de «promesas» e «ocorrencias» do PP e asegurou que o proxecto da actual Deputación será un fito urbanístico e «unha mellora considerable», porque ordenará a rúa e o seu aparcadoiro -100 prazas-, emprazando aos usuarios a que rematen os traballos para avaliar a mellora. Pasará de ser «un corredor de vehículos» a unha «referencia comercial» e de seguridade.

«Esta obra non é unha promesa, está executándose, e ademais corrixíronse todas aqueles defectos dos que adoecían os proxectos anteriores», insistiu o portavoz do Bloque. Iso si, o líder do BNG non entende as críticas do alcalde, que tachou de «desafortunadas». Nese sentido, sinalou que non se pode comparar Rocafort coa PO-308 porque a intervención da Xunta ten fallos e é resultado de «improvisación».

«Esta obra non é un erro»

Otero confía na dirección de obra e aos técnicos que deseñaron o proxecto en marcha. O dirixente do BNG engadiu que ata o alcalde é consciente deste feito porque Pita, na súa intervención pública do martes, deixou claro que non apoiará a paralización dos traballos. «Esta obra non é un erro, é un éxito» do tripartito, insistiu Otero, que encomiou a xestión do edil de Infraestruturas, Daniel Fernández, ao lograr as cesións de terreos privados.

«Vinte prazas de aparcamento non merecen un cruce de palabras entre dúas Administracións» e negou que a actuación do alcalde esta semana produza unha «fractura» coa Deputación, por máis que vexa ao PP intentándoo. Otero non quixo valorar a Benítez, que se referiu ao rexedor como un «novato en política». Dixo que cada cal é «dono das súas palabras».

Así mesmo, pediu a mesma «protesta» e «enerxía» en temas como a rexeneración de Carabuxeira ante Portos e outros asuntos que dependen da Xunta, que non recibiron a mesma reacción que Rocafort. Para rematar, aseverou que a crítica do rexedor de que non se encartará a siglas era algo «innecesario», porque o BNG de Sanxenxo ten «autonomía» para actuar en por si.