A Deputación pide a Gonzalo Pita que se aclare» e non cambiará o proxecto de Rocafort

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

PLATAFORMA LUIS ROCAFORT

O deputado de Mobilidade atribúe a actitude do alcalde de Sanxenxo sobre esta obra a que é un «novato en política»

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:10 h.

«O alcalde de Sanxenxo ten que aclararse e ver se realmente está dacordo coa filosofía do proxecto de reforma de Luis Rocafort ou non». Así replicou onte o deputado de Mobilidade, o nacionalista Uxío Benítez, á queixa do rexedor Gonzalo Pita (SAL) sobre as prazas de aparcadoiro en batería nun tramo da rúa e outras cuestións. Benítez foi moi duro con Pita e atribuíu as súas críticas a que é «un novato en política». O dirixente provincial engadiu que o proxecto que se executará nesta rúa «foi consensuado, traballado e elaborado durante anos entre a Deputación e o Concello». Recalcou que se tomou como prioridade un proxecto de e «mobilidade sostible» manifestou que non entendía como era posible que o rexedor saíse en público a criticar a obra coma se o principal obstáculo fosen «18 prazas de aparcamento».

Benítez precisou que xa houbo unha reunión entre o Concello de Sanxenxo e os técnicos da Deputación o 4 de abril e que alí se abordou que puntos dos dez reivindicados pola plataforma de afectados íanse facer, porque estaban incluídos no proxecto, e cales non.

O deputado de Mobilidade invitou o alcalde sanxenxino a acudir á conferencia que hoxe dará Francesco Tonucci no Museo de Pontevedra para coñecer cales deben ser as prioridades á hora de ordenar os espazos públicos nas vilas. Benítez insistiu en que, seguindo a formulación de Tonucci, a Deputación aposta por dar un carácter prioritario aos nenos, os anciáns e os discapacitados. Indicou que estes son colectivos «máis vulnerables» e que estes deberían ser «a prioridade do alcalde».

O responsable provincial salientou que non se vai alterar esta filosofía do proxecto e retou ao rexedor: «Non temos vontade ningunha de modificar e se non que [Pita] solicite unha paralización do proxecto». Ademais ironizou: «O alcalde que non se enfade tanto, porque ten a solución moi fácil». Benítez precisou: «Nós imos facer o proxectado, o acordado baixo a premisa de que a prioridade son as persoas, e o convenio contempla que despois hai unha transferencia», matizou. O deputado provincial botou, desta forma, a responsabilidade no executivo local no futuro: «Despois que considere se a prioridade é retirar o espazo público e darllo aos vehículos».

O dirixente da Deputación afirmou, por outra banda, que a proba sobre o xiro do bus que realizou o executivo sanxenxino o martes non se corresponde coa realidade. Asegurou que o bus que encargou o Concello non puido entrar porque non puido acceder a todo o terreo onde están os traballos e engadiu que o director de obra confirmoulles que se cumpren cos criterios legais e que o bus pasará. Á proba municipal restoulle valor porque o Concello a fixo cando había uns palés polo medio e nesas condicións o resultado «non procede».