Sanxenxo insiste no esforzo do Concello para mellorar a supervisión do lecer nocturno

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

SANXENXO

RAMON LEIRO

O rexedor ve unha motivación política nas críticas do CETS

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Sanxenxo é consciente da necesidade de mellorar o control do lecer nocturno e, por este motivo, fíxose esforzo en incrementar, por exemplo, a seguridade no porto deportivo contratando a pasada Semana Santa a dez vixiantes. A súa presenza tivo un impacto significativo, unha «mellora substancial da seguridade». O alcalde, Gonzalo Pita (SAL), indicou que, visto os esforzos que se fan desde o Concello para facer compatible o lecer nocturno co descanso dos visitantes, non se entenden as críticas do Consorcio de Empresarios Turísticos. Pita ve algo máis que a mera defensa dos intereses do sector por parte dos seus responsables.

Os problemas co lecer nocturno levan ocorrendo moitos anos e o rexedor afirmou: «Chócame que [o CETS] estea reivindicando tan efusivamente e de forma tan reiterada isto cando saben do esforzo do goberno local e do presidente de Nauta por incrementar os medios para poder dalgunha maneira mellorar na seguridade». No 2016 contratáronse 6 gardas por Semana Santa e este ano foron 10 no porto deportivo.

«Non sei que pretende o Consorcio, que desapareza a movida nocturna de golpe despois de vinte anos ou é que non valora positivamente que este ano mellorasen as incidencias con respecto ao anterior», ironizou. Desde o punto de vista de Pita, as críticas do presidente dos Empresarios Turísticos, Francisco González, teñen outra finalidade. «Parece que máis ben é unha posición política» resaltou. Pita dixo que hai empresarios turísticos que lle apoiaron fronte á directiva do CETS e pediu a González que reconsidere a súa actitude sobre este tema.