«Levámonos un bo susto»

nerea garcía / s.b. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Emilio Moldes

Un mozo afeccionado de cinco anos recibiu un balonazo no Pontevedra-Dépor

27 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O pasado martes día 25 os cinco tantos que o Dépor anotou no marcador de Pasarón deberon supor un bo golpe para os xogadores do equipo granate, aínda que estes non foron os únicos que abandonaron o estadio algo doloridos.

Izan Tievo Martínez, un seareiro de 5 anos, estaba vendo o partido acompañado dos seus pais cando recibiu un balonazo na barriga tras un despexe desde o centro do campo. «Ao principio asustámonos un pouco porque parecía que non respiraba», comenta Charo Tievo, a nai do pequeno, «levámonos un bo susto».

A curta idade de Izan e o aparatoso do golpe mobilizaron rapidamente aos membros do equipo médico do Pontevedra, algo que encomia a súa nai. «Viñeron enseguida, vírono e estiveron pendentes del o resto do partido», explica. Para comprobar que o impacto non lle causou ningún problema grave, os médicos, ademais de atendelo ao instante, «volveron no descanso e na segunda parte para ver se evolucionara ben» comenta. Pero estes non foron os únicos que se preocuparon por Izan. «Mentres o vían os médicos veu un xogador do Dépor e a secretaria do Pontevedra díxolle que lle ían traer unha camiseta».

A pesar de que Izan regresou a casa sen a camiseta prometida desde o equipo encargáronse de tomar nota dos datos da familia para facerlla chegar. «A verdade é que foi un detalle moi moi ben e o quedou moi contento», comenta Charo.

Aínda que tras o balonazo Izan «non se quería sentar a ver a segunda parte» o certo é que, tal e como explica a súa nai, «foi máis o susto que outra cousa».