Aparatoso accidente na gasolineira de Curro ao envorcarse nela un camión comercial

Marcos Gago Otero
Marcos Gago BARRO / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

Ramón Leiro

Os bombeiros excarceraron ao condutor, un vilagarcián que quedou no vehículo

25 jul 2017 . Actualizado ás 00:43 h.

Os bombeiros de Ribadumia e Pontevedra colaboraron esta tarde no rescate do condutor dun camión comercial que envorcou nunha das gasolineiras de Curro , en Barro, na PO-531, en sentido de Pontevedra a Vilagarcía. O suceso ocorreu ás 16.05 horas, segundo informou o 112. O condutor, que era o único ocupante do camión, resultou ferido aparentemente leve, aínda que os danos na cabina foron cuantiosos.

Veciños da zona explicaron que sentiron un forte ruído cando se produciu o accidente e xa viron o camión envorcado. Ao parecer, o condutor perdeu o control do vehículo, que se saíu da calzada e levou por diante un das árbores decorativas da gasolineira. O camión seguiu a traxectoria chocando contra unha das columnas da gasolineira, momento en que envorcou. A cabina quedou esnaquizada e o home resultou atrapado. Unha das traballadoras do Avó Pintos, o restaurante situado xusto en fronte das gasolineiras, relatou como é achegou ata o lugar e estivo a falar co condutor ata que chegaron os bombeiros. O home é veciño de Vilagarcía e quedou atrapado polo cinto. Como o camión estaba envorcado e el non era capaz de liberarse só, non se atreveron a movelo ata que chegaron os bombeiros e os sanitarios, que o sacaron do lugar e trasladárono nunha ambulancia do 061 ata un centro hospitalario.