O sanatorio que antes curaba agora enferma aos veciños

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

María Hermida

Quen viven nas proximidades do antigo centro de saúde quéixanse de ter que convivir coa maleza que o devora

30 jun 2017 . Actualizado ás 17:24 h.

O 8 de setembro de 1926 produciuse en Pontevedra o que acabou sendo o acontecemento do ano: ese día inaugurouse o sanatorio Marescot. As crónicas da época non deixan lugar a dúbidas do que supuña a apertura daquelas dependencias sanitarias, o soño do doutor Enrique Marescot. Dicíase que o proxecto combinaba modernidade -contaba co que entón era a técnica máis avanzada, un equipo de Raios X- e elegancia e que o feito de estar en plena cidade pero rodeado de verde facíao único. Este último detalle, o que se tratase dun sanatorio entrañable polo verxel que o rodeaba, é agora mesmo o seu gran castigo. Resulta que o centro leva pechado algo máis de nove anos. E que o verde, ese que antes o facía elegante, hase desmadrado tanto que agora mesmo directamente devora ás instalacións. O edificio sofre en silencio. Pero os veciños que viven preto, non. Eles quéixanse. Critican con dureza que no medio da cidade non se vixíe máis que unhas instalacións en desuso estean limpas.

Empezamos nunha pequena plazoleta separada unicamente por un viario ao que sería a parte de atrás do hospital, preto do río Gafos. Unha veciña explica que o que agora está completamente devorado pola maleza, que chega ata o segundo piso, antes era a zona de hospitalización. «É incrible, eu mesma estiven aí porque me operase no Marescot e mira agora... isto non pode estar así. De aquí vemos saír de todo, ratas, culebras... de todo, é un noxo», quéixase esta muller. Indica que a última vez que se limpou a maleza, que soborda tanto que se come parte do viario, o traballo fíxoo un veciño da zona «que lle daba noxo como estaba isto». Reclama que o Concello se preocupe deste asunto.

Ben valado

Seguimos na rúa Ramón Pena. Aí, no portalón do antigo sanatorio, pode verse como evolucionan as cousas dentro da leira do vello hospital. En realidade, dentro a maleza está un pouco máis controlada. Parece que se fixeron limpezas. Iso si, hai cheas de restrollos apilados pero sen recoller. Nesa zona a algúns veciños chámalles a atención que se manteña o sinal de non aparcar diante do portal do sanatorio. «Coma se fose entrar alguén aí», sinala con ironía un veciño, que tamén indica: «Isto é un foco de porcallada, está mal coidado». O que si queda patente en Ramón Pena é que, ao contrario que pasa con outras edificacións en desuso, o vello Marescot está ben valado, co que non é doado que alguén poida coarse.

A outra zona pola que pode albiscarse o interior da leira é a de Manuel do Palacio. Aí, os veciños non só se queixan de que a leira do vello sanatorio non teña a limpeza suficiente, senón que indican que o muro que a rodea é «totalmente antiestético».

Un home entrado en anos, mira cara a dentro e pensa en voz alta: «O que foi e o que é agora este sitio».