Pontevedra exporá en México o seu modelo de cidade xunto a 20 pemes

c. b. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

A delegación comercial acudirá á capital do país americano

27 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha delegación empresarial da cidade e a comarca acompañará ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), e á concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, a México. Será o próximo agosto tras recibir unha dobre invitación do Instituto Tecnolóxico Autónomo de México (ITAM) e da Secretaría de Desenvolvemento Económico do goberno da Cidade de México para explicar o modelo da cidade.

Anabel Gulías explicou que o ofrecemento do ITAM é para participar no seminario Datos que transforman. O Concello será relator principoal na mesa que desenvolverá o tema Goberno e medición ante os cambios de paradigmas. O ITAM tivo en conta que Pontevedra optase por un modelo «enfocado a humanizar a cidade», fronte a outros que apostan polas smarts cities.

Respecto da Secretaría de Desenvolvemento Económico, que dirixe o economista Salomón Chertorivski, a invitación cursada é para participar na Expo Pemes da Cidade de México 2017. Será os días 23, 24 e 25 de agosto. No escrito oficial alúdese á «exitosa experiencia en transformación urbana e económica» da cidade.

A concelleira de Promoción Económica adiantou que a delegación empresarial que viaxará a México estará formada por unhas vinte pemes locais e da comarca. Serán de catro ámbitos: turismo, sector primario, deseño urbano e construción e creatividade. «Pontevedra xa está no mapa. Quixemos dar un chanzo máis e aproveitalo con todos os sectores que forman parte da cidade», sinalou.