A policía acode a un instituto tras un incidente entre dirección e alumnos

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

CEDIDA

Impediuse aos de 2º de bacharelato acceder ás aulas tras unha noite de festa

27 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha festa de gradación que acabou en incidente nun centro educativo. Foi o que ocorreu onte pola mañá no IES A Xunqueira II de Pontevedra. Un grupo de alumnos de 2º de bacharelato, que tiveran fortes discrepancias coa dirección do centro pola organización do seu acto de gradación, presentáronse ben cedo no instituto para cumprir co que é unha tradición. A de despedirse dos seus compañeiros e dalgúns profesores despois de seis anos, xa que para eles as clases remataron.

O que ocorreu non foi unha sorpresa, segundo indicaron a La Voz fontes consultadas dentro da comunidade educativa. Estaba cantado. A dirección do instituto instou hai semanas aos estudantes a organizar a súa festa un venres -ao día seguinte non hai clase e resólvese así a controversia- e non un xoves, como é norma non escrita. O que o equipo que encabeza Juan Carlos Pérez quería evitar era precisamente que os alumnos accedesen ás aulas tras unha noite de celebración. O motivo, que algún ano houbo «algún problema» e que esa presenza pode alterar o «normal desenvolvemento» das clases a haber voces e ruídos.

A postura da dirección non sentou ben aos estudantes, que solicitaron o apoio dalgúns docentes e tamén da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA). Aínda que houbo intentos de mediación e de chegar a unha solución consensuada, ao final non foi posible, comentou o presidente da ANPA, José Rabuñal. «Non xustificamos que vaian se hai desórdenos ou vandalismo, pero os mozos acudiron de forma pacífica», apuntou.

Os estudantes non só mantiveron a data do acto de gradación en xoves, senón que se buscaron un lugar alternativo ao instituto para celebralo: a Escola de Forestais. Con esa tensión, ao conflito só quedaba que estalase. Un grupo de alumnos de 2º de bacharelato presentáronse no centro antes do inicio das clases, que é ás 8.30 horas. Como chovía no exterior, deixóuselles entrar, segundo a dirección, pero aclaróuselles que non podían acceder ás aulas -pecháronse ademais as portas de acceso a esa zona-. Si podían moverse polo hall e a cafetería. A primeira reacción dos mozos foi unha sentada de protesta.

O batifondo produciuse ao soar o timbre, acabada a primeira clase, cando alumnos doutros cursos e algúns docentes decatáronse do que estaba a pasar e negáronse a volver ás aulas. Saturáronse as escaleiras, a tensión foi subindo e Juan Carlos Pérez optou por chamar á Policía Local e á Nacional. Segundo a Policía Local, o aviso recibiuse ás 9.24 e argumentouse que un grupo numeroso de alumnos estaba alterando a orde. Os axentes accederon ao centro, pero non tiveron que desaloxar aos de 2º de bacharelato do instituto. Non fixo falta porque se foron eles mesmos. Pacificamente como chegaran.

A pesar dos rumores que circularon polas redes sociais, non se produciu a dimisión do vicedirector nin se abriu expediente a dúas profesoras. Polo menos iso asegura o director do centro. O único dano material foi que venceu a fechadura dunha porta.