Alta tecnoloxía nos quirófanos

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

CHOP

Montecelo acolle catro sesións de práctica cirúrxica con monitorización hemodinámica avanzada

27 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Un recambio e reimplante de prótese de cadeira, unha gastrectomía vertical por vía laparoscópica, unha resección hepática con extirpación de fígado, e unha prostatectomía radical por vía laparoscópica. Foron as catro operacións escollidas polo servizo de Anestesioloxía e Reanimación do Complexo Hospitalario Universiario de Pontevedra (Chop) dentro do primeiro curso de monitorización hemodinámica avanzada perioperatoria e en paciente crítico.

Catro quirófanos de Montecelo acolleron onte pola mañá as catro sesións de práctica cirúrxica. Dirixidas a residentes de último ano e a facultativos adxuntos, o seu obxectivo é a ampliación de coñecementos teóricos e sobre todo prácticos sobre os distintos sistemas de monitorización hemodinámica avanzada.

Desde o servizo de Anestesioloxía que dirixe Maruxa Carro fíxose fincapé en que os participantes tiveron a oportunidade de observar operacións de diferentes especialidades e de alta complexidade anestésica. A iniciativa, que se celebrou por primeira vez no sur de Galicia -ademais do Chop participa outros dous hospitais, Povisa e o Álvaro Cunqueiro-, está organizada pola Asociación Galega de Anestesia, Reanimación e Terapéutica da Dor (Agaryd).

Que é e que achega a monitorización hemodinámica avanzada? Trátase dunha tecnoloxía de última xeración que constitúe unha ferramenta fundamental para os profesionais á hora de controlar as constantes vitais dos pacientes durante todo o proceso dunha intervención cirúrxica.

A coordinadora do curso en Pontevedra, a doutora Beatriz Hernández, xunto con outras sete docentes, foron as profesionais do Chop que se ocuparon de impartir a parte teórica do curso. Na parte práctica os asistentes tamén poden dispor da monitorización invasora propia dunha unidade de coidados intensivos (uci) e dun simulador de situacións críticas. «De forma que, durante o perioperatorio e divididos en grupos de catro, poderán observar a monitorización hemodinámica e terapia guiada por obxectivos», apuntaron desde o Chop.