A parcela para esparcir cinzas contará con mil columbarios

c. b. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

CAPOTILLO

O Concello avanza cos arquitectos no deseño do proxecto para o cemiterio de San Mauro

24 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Voltar á terra. É o nome do proxecto que o Concello de Pontevedra anunciou o pasado verán. A iniciativa consiste en habilitar unha parcela no cemiterio de San Mauro para que os veciños poidan espacir e colocar as cinzas dos seus seres queridos. O equipo de goberno, a través da concellaría de Cemiterios, traballa estes días na concreción do futuro servizo. A intención é que se poida executar antes do 1 de novembro, festividade de Todos os Santos.

En concreto, a concelleira Carmen Fouces (BNG) mantivo o luns unha reunión cos arquitectos municipais e o arquitecto encargado de redactar o proxecto, Rogelio Carballo, para ir avanzando no seu deseño. Se se cumpren os prazos anunciados, presentarase nunhas tres semanas. A iniciativa Voltar á terra materializarase na parcela sen uso do cemiterio municipal de San Mauro, que ten unha extensión duns 5.800 metros cadrados. Segundo transcendeu onte, nese espazo está prevista a construción duns mil columbarios, uns en terra e outros en columna, ademais dunha pequena construción na que as familias poderán facer unha cerimonia de despedida (relixiosa ou non) dos seus seres queridos. En cada columbario poderase inscribir unha placa coa referencia do falecido, dando á familia a posibilidade de deixar as cinzas ou ben a urna na que se atopan eses restos.

Ademais, está previsto que se habilite un espazo de pradería onde haberá plantas aromáticas, especialmente lavanda. Nesta zona os achegados dos falecidos tamén poderán esparcir as cinzas se o desexan.

Fouces fixo fincapé onte en que o Concello decidiu impulsar este proxecto tendo en conta as peticións que se reciben nos últimos anos sobre enterramentos. Unhas solicitudes que cada vez máis demandan espazos para colocar ou guindar as cinzas. O uso desa parcela para este fin considérase idóneo, «dado que existen bastantes nichos construídos para satisfacer a demanda dos vindeiros anos».

O Concello ofrecera os primeiros detalles do futuro servizo funerario en outubro. Coincidiu en plena controversia despois de que a Igrexa católica afirmase que negaría o funeral relixioso a unha persoa falecida se a súa familia optaba por gardar as súas cinzas en casa ou esparcirlas nalgún lugar. Desde o Concello argumentouse entón que a parcela en cuestión está dentro dun camposanto e que se busca dar unha alternativa máis aos cidadáns que optan pola incineración.