O Concello rexeita a proposta do PP para potenciar o turismo relixioso

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

emilio moldes

Domínguez a Gulías: «A culpa é de Lores por traer a unha concelleira de Forcarei»

23 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Pontevedra non potenciará o turismo relixioso na cidade sacando partido ao santuario das Aparicións. A proposta do PP, que non saíu adiante, foi un dos asuntos que máis tempo consumiu onte no pleno. A sesión rozou as catro horas a pesar dos asuntos incluídos na orde do día.

O debate máis aceso foi o que suscitou a iniciativa popular, defendida polo concelleiro Rafael Domínguez. Argumentou que o alcance do turismo relixioso, que supón o 2,17 % do PIB en España, non se pode desdeñar, instando o Concello a aproveitar que Pontevedra -se di textualmente- «é un dos tres destinos marianos de peregrinación máis importantes do mundo, xunto con Fátima e Lourdes».

O edil cualificou ao BNG de partido «cohibido» e «retrógrado» ao que lle dá repelús a palabra católico. «O obxectivo da moción -asegurou- é encher os hoteis. Pontevedra é inmensamente máis bonita que Fátima e ningún hotel vaise a construír co seu proxecto estrela do aparcadoiro de autocaravanas».

Todos os grupos consideraron esaxerada a moción popular tendo en conta as dimensións do santuario das Aparicións, pero Cidadáns apoiouna para «non opornos a ningunha iniciativa que sexa boa para difundir os recursos de Pontevedra», afirmou María Rey . Marea, PSOE e BNG rexeitaron a proposta, expresando o seu respecto por todas as crenzas relixiosas. «Non procede neste órgano invocar suposicións de fe relixiosa», expuxo Luís Rei (Marea). Iván Pontes (PSOE) ironizou con que intervir neste punto era a súa penitencia polo resultado das primarias -apoiou a Patxi López- e afirmou que a proposta está «fóra da realidade». A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías (BNG), pediu propostas «minimamente serias e razoables» e remachou que «non queremos convertirnos nunha cidade chea de autobuses».

Claras as posturas, a réplica derivou nunhas duras palabras de Rafael Domínguez a Gulías: «Vostede cobra unha dedicación exclusiva e dedícase a pintar as rúas con xiz. A culpa é de Lores por traer unha concelleira de Forcarei, vólvase a esa terra preciosa que é Forcarei». O alcalde deu por rematado o debate.

Medianeiras da Peregrina

Tampouco saíu adiante unha moción do PSOE para ocultar as medianeiras da Peregrina coa solución que gañou o concurso de ideas do 2010. Aínda que os grupos coincidiron en que é unha cuestión que se debe abordar, só logrou o apoio de Marea e Cidadáns. Rexeitouse, así mesmo, a iniciativa do PP para instalar un skatepark en Doce de Novembro -superada polo acordo coa UVigo para situalo no campus-, e si se aprobou outra de Marea que recolle propostas da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH).