Imaxe:

Dous investigados en Ferrol e Pontevedra nun caso de abusos a través do móbil a unha menor

A policía indaga a outros seis homes de varias localidades españolas, que lograran o número de teléfono da moza a través dunha rede social


Oito homes, de entre 20 e 57 anos e procedentes doutras tantas cidades españolas, están a ser investigados por abuso sexual a unha menor de Salamanca a través do teléfono móbil.

Segundo explicou a Garda Civil a través dun comunicado, ao parecer os investigados lograron o número do teléfono da moza a través dunha rede social e a partir dese momento acosaron á menor.

Os familiares da menor denunciaron o pasado ano, ante a Garda Civil de Salamanca, que a moza estaba a sufrir acoso a través de diversas redes sociais, polo que se iniciaron investigacións para determinar a súa orixe.

Durante os meses que duraron as investigacións, e segundo a nota de prensa, realizouse «un exhaustivo estudo das conversacións e fotografías relacionadas co caso», o que determinou que o móbil do acoso «era exclusivamente sexual, chegando a solicitar á menor contactos persoais».

Nesta operación policial logrouse a identidade das persoas que enviaron as mensaxes á menor e requisáronse fotografías sexuais enviadas á vítima.

En total foron oito os investigados, procedentes de Barcelona, A Rioxa, Las Palmas de Gran Canaria, Pontevedra, Valladolid , Huesca, Ferrol e Toledo, que, ao parecer, lograron o número de teléfono da menor nunha rede social.

Votación
2 votos
Etiquetas
Pontevedra cidade Ferrol cidade Garda Civil Abusos sexuais
Comentarios