«Só hai que mirar a miña traxectoria para ver se elixo a Luisito ou Rafa»

carmen garcía de burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

RAMON LEIRO

O centrocampista xogou para Luisito en Ourense e máis tarde para Rafa Sáez no Coruxo. O domingo verá aos dous

22 abr 2017 . Actualizado ás 21:09 h.

Álex Fernández (Ourense, 1988) é un dos puntos débiles de Luisito. Xogou con el en Ourense e antes de traerllo a Pontevedra pasou polas mans de Rafa Sáez no Coruxo, o próximo rival do cadro granate.

-Este partido, vai gozalo ou a sufrilo?

-Quen está no mundo do fútbol e gústalle o que fai, que creo que é o 99,9 % dos xogadores, sexa a categoría que sexa, está neste mundo para traballar, dar o 200 % cada día, e que chegue o domingo e poder gozar do momento, de todo o preparado durante a semana; e, polo tanto, creo que se imos a ese partido con medo, ou a ver que pasa, ou a sufrir, ou a estar cohibidos polo que pasou esta fin de semana contra o Somozas, sería unha equivocación.

-Agora que fala do Somozas, que lle parece a polémica sobre as declaracións do club?

-Son cousas que eles saben manexar e a nós tócanos manternos á marxe.

-Cre que o Somozas tería que ter dado un pouco menos?

-Eu non me quero meter niso, creo que sería unha equivocación meterme en se correron máis ou menos. Aquí somos todos profesionais, todos sabemos o que nos estamos xogando e cada un sae a gañar os seus partidos, como é normal. E nós non temos que reprochar nada a ninguén, só mirarnos cada un o seu embigo individualmente, e o míster hao feito colectivamente para ver os erros que se cometeron no partido do Somozas para que non volvan pasar contra o Coruxo.

-Non me diga que non hai un compoñente sentimental

-Do ano que estiven no Coruxo só teño palabras de agradecemento, tratáronme moi ben, e sentinme moi a gusto, e puiden ter a confianza de todo o mundo no equipo, así que é un equipo ao que teño aprecio.

-Luisito ou Rafa Sáez?

-É unha pregunta que simplemente tes que ver a miña traxectoria futbolística para contestala. Cada maestrillo ten o seu librillo, e cada un mira polo ben do seu equipo, traballa dun xeito pero sempre co mesmo fin, que é cada fin de semana conseguir os tres puntos mediante un xogo vistoso.

-Cantos anos leva con Luisito?

-Dous anos e medio en Ourense e vou facer dous agora no Pontevedra, En total, catro e medio.

-Cantos tardou en coñecelo?

-É unha persoa próxima ao xogador, gústalle estar en contacto. Non é alguén que se á parte, a quen lle guste vivir no seu mundo, que chegue aos adestramentos e vaise. Intenta ir sempre un paso máis aló no sentido de poder ter unha amizade cos xogadores, levar ben con todos. Quen o coñeza e saiba levalo coñéceo deseguido.

-Teñen unha relación especial.

-Co paso dos anos, máis que un adestrador poder considerar que temos unha relación de amizade. Ás veces podes coincidir ou non en cousas pero a todo o corpo técnico, Rober, Pepe Rico, considéroos máis que os meus xefes.

-Un dáse conta de que acertou cando recibe á súa exequipo con 10 puntos máis?

-Cada tempada é un mundo, esta estanos tocando vivir que as cousas dentro do club estanse facendo moi ben, a nivel interno e externo, tanto directiva como xogadores e corpo técnico, e na clasificación estase vendo reflectido. Está claro que cando recibín a chamada do Pontevedra o ano pasado un non llo pensa, é un club que a nivel nacional é dos máis importantes da categoría, non só nesta senón tamén superiores. É un equipo moi respectable, e ao corpo directivo coñecíao perfectamente, así que todo se deu moi doado para que eu estivese aquí. E non me arrepinto. Estou moi asentado na cidade, coa miña familia, a miña muller e os meus dous fillos, e por que non?, nun futuro poder estar aquí sempre.

-Íalle preguntar onde se ve a tempada que vén...

-Gústame estar nos sitios nos que me tratan ben, nos que vexo plans de futuro e nos que vexo que a miña familia está a gusto, e todos estes requisitos grazas a deus se están cumprindo. É un club que non para de crecer, que aspira a máis sempre. Están a facerse as cousas moi ben, así que estou encantado de estar aquí o tempo que faga falta.

-E en que categoría?

-Agora estamos en Segunda B. Oxalá acabemos en postos de play off e póidase cumprir o soño que todos queren.