Os arquitectos reclaman máis concursos de proxectos para poder acceder a obra pública

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

RAMON LEIRO

O COAG critica o abuso de fórmulas de adxudicación directa

08 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) denunciou onte publicamente o «abuso» de fórmulas de contratación pública, con concursos restrinxidos ou de adxudicación directa, que á súa entender impiden a igualdade de oportunidades neste colectivo. O presidente da demarcación, Manuel Abelleira, reclamou a concellos e outras Administracións públicas «maior sensibilidade e responsabilidade para facer un bo uso da lei de contratos e redistribuír de forma máis xusta o acceso a traballos de carácter público».

A xunta directiva avanzou que enviará aos concellos da zona norte da provincia unha folla de ruta de boas prácticas, ademais de valorar a creación dunha distinción anual que premie ás organizacións «modélicas». Abelleira, que estivo acompañado polo secretario, Anselmo Villanueva, e a tesoureira, María Pierres, deixou claro que esta práctica de evitar os concursos de proxectos é legal, pero prexudica claramente a uns profesionais que se viron moi afectados pola crise económica.

Segundo as cifras do COAG, desde o ano 2007 a carga de traballo dos arquitectos reduciuse nun 90 %, o que provocou unha «auténtica fuxida de talentos» a países como Alemaña, Perú, Chile ou Reino Unido. «O COAG é un axente que está aquí para colaborar. Hai anos os concellos colaboraban co Colexio para convocar concursos», apuntou o presidente, algo que hoxe apenas pasa. Tamén destacaron que hai exemplos en concellos de todas as cores políticas e non cuestionan aos compañeiros que si traballan. «Non queremos ir contra ningún compañeiro, pero sí dar un toque ás Administracións para que sexan máis sensibles ao que estamos manifestando», subliñou Abelleira, que remachou que o COAG está a disposición da sociedade e ten unha longa experiencia na convocatoria de concursos públicos.

A preguntas dos xornalistas, a directiva da delegación do COAG -que ten case trescentos colexiados- apuntou que o Concello de Pontevedra non convocou ningún concurso de proxectos desde o CITA ou as medianeiras da Peregrina. Anselmo Villanueva cuestionou tamén as condicións «abusivas» en concursos doutras Administracións como deputacións ou Goberno central, onde se esixen cotas de solvencia tan altas que «son imposibles para o 90 % dos estudos», ademais de xogar á baixa cos honorarios profesionais.