A climatoloxía e o deporte, tirón turístico durante a Semana Santa

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

A capital agarda superar o 75 % de ocupación e non terá camas libres durante o Campionato de España de Natación

07 abr 2017 . Actualizado ás 05:05 h.

«El sector turístico agarda a mellor Semana Santa dos últimos anos». Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, remarcou onte que as previsións máis «prudentes» apuntan a que a ocupación hostaleira na cidade do Lérez superará o 75 % durante todo o período festivo, aínda que esta porcentaxe se incrementará ata o 100 % entre este venres e o vindeiro mércores, 12 de abril. O motivo? A disputa do Campionato de España de Natación.

Deste xeito, a climatoloxía e o deporte serán os principais tiróns turísticos desta semana Santa. E é que a esta proba deportiva súmase o encontro que se disputará en Balaídos o Xoves Santo e que enfronta ao Celta de Vigo cos belgas do Genk. Se no caso da cidade de Pontevedra, a afluencia de deportistas e afeccionados foi tal que un importante número de persoas tivo que desprazarse a Poio e outros municipios contiguos, no caso do partido de ida dos cuartos de final da Europa League xa se venderon todas as entradas, polo que se agarda unha gran afluencia de afeccionados procedentes de Bélxica. Carmela Silva considerou que non veñen senón a confirmar a tese de que as Administracións teñen que apoiar as competicións deportivas, porque son «unha fonte de riqueza e de visitantes».

Menos controlable é a variable meteorolóxica, o que provoca que o sector estea pendente do ceo. «Depende dunha borrasca, de si se move ou non se move. Esperemos que se mova para onde se ten que mover», subliñou a presidenta da Deputación.

Por comarcas, a ocupación media prevista na de Pontevedra e a do Salnés é que se supere o 75 %, de tal modo que localidades como O Grove poden colgar o cartel de completo. Así, o portal de Internet Booking, segundo desvelou Silva, rexistraba este xoves que 73 de cada cen camas ofertadas en Vilagarcía xa estarían ocupadas, mentres que Cambados esta porcentaxe haberíase incrementado en dous puntos. En Sanxenxo acádase, segundo esta web, o 85 %.

No sector son conscientes de que estas cifras estarán moi condicionadas polas temperaturas, de tal modo que unha climatoloxía desfavorable podería redundar nun aumento das cancelacións de reservas.

En canto á procedencia do turismo, a maioría das reservas xestionadas ata o momento proceden de persoas que residen en Galicia, seguidas por madrileños e portugueses.