Bigotudos que loitan contra o cancro

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIDADE

cedida

Un trintena de homes de Barro súmanse á campaña solidaria de impacto mundial chamada Movember

28 novs 2016 . Actualizado ás 07:58 h.

Todo foi cousa de Damián, un barbeiro de Barro. O ano pasado, comentoulle ao seu grupo de amigos que estaría ben que se sumasen á campaña mundial Movember, un movemento que busca concienciar sobre enfermidades que acaban coa vida de miles de homes, como son o cancro de testículos e de próstata. No 2015 non foron demasiados os que se sumaron á iniciativa consistente, en esencia, en deixarse bigote durante un mes. Pero nesta ocasión a mensaxe de Damián si tivo máis efecto. Un total de 30 homes do municipio decidiron deixarse crecer o mostacho e aguantar desa guisa ata que acabe o mes de novembro, como marca a campaña.

Antonte foi un día máis que especial para eles. Contábao David, un dos participantes: «Hoxe imos ir case todos á barbería de Damiáwn a recortarnos o bigote para telo bonito... É que despois imos celebrar unha cea todos os que estamos metidos na campaña Movember». Meu dito meu feito. Ás oito da tarde, na barbería todo eran mostachos. E non só iso. Para que a súa imaxe chame aínda máis a atención algúns deles, como David, tamén cambiaron o seu look capiar. El rapouse a cabeza, un amigo púxose unha crista, outro luciu un tupe... Todo para remover conciencias. «Morren moitísimos homes por culpa destes dous tipos de cáncer, e pareceunos moi boa idea intentar axudar a que a xente vaia ao médico, faga revisións e se preocupe por este tema. No meu caso tiven un familiar con cáncer de próstata», sinala un dos bigotudos de Barro.

Doazón de fondos

Ademais de chamar a atención coa súa imaxe, esta cuadrilla tamén vai pór o seu granito de area á campaña Movember a través da doazón de fondos. Non en balde, cada vez que acoden á barbería a recortar o bigote -están a descubrir que levalo coidado require un mantemento importante- ou a cambiar de peiteado, Damián aparta unha cantidade do que lles cobra para entregalo á causa. Levan uns cen euros recadados.

Antonte pola noite, tocou cear e saír por Pontevedra cos mostachos ben visibles. A velada foi longa. Máis aló do Movember, habería que saber se ligaron ou non cos seus bigotes ao aire. Pero iso non chegaron a contalo.