Poio presenta un orzamento á alza no que, por primeira vez, non se recorre a préstamos

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

POIO

A contía para este exercicio supera os once millóns de euros, 16.000 máis que no 2016

24 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Visiblemente satisfeitos, o alcalde Poio, Luciano Sobral, e o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, presentaron onte o orzamento do presente exercicio, que ascende a 11.116.000 euros. Trátase dunha cifra que implica un lixeiro incremento de dezaseis mil euros sobre as contas do pasado exercicio. No entanto, a principal e máis importante novidade é que «desaparecen o capítulo dos préstamos que habitualmente se pedían para facer investimentos», remarcou Barreiro.

O titular de Facenda explicou que esta decisión se adoptou porque o Concello dispón de recursos suficientes para realizar estes investimentos. Engadiu que se dispón dun remanente de tesourería que se xerou no 2016 e que na actualidade ascende a 1,3 millóns. «O proxecto de lei de orzamentos do Estado, que esperemos que se aprobe, permite facer uso dese remanente de tesourería, ademais de que hai seiscentos mil euros do Plan Concellos», apuntou.

De igual modo, as previsións que manexan no goberno local de Poio é que o endebedamento se reduza este ano ata o 48 %, mentres que o Goberno central ten fixado o tope no 75 %. Neste sentido, Barreiro resaltou o esforzo que se realizou desde o 2010, ano no que o endebedamento acadou o 115 %. Se entón a débeda ascendía a 9.332.000 euros, a previsión é que este ano sexa de 5.806.000 euros.

Tras aclarar que non se trata do orzamento municipal de Poio máis elevado dos últimos anos, Barreiro resaltou que é o que prevé unha maior cifra por ingresos correntes. «Da unha idea da capacidade de autofinanciación do propio Concello». A este respecto, subliñou o feito de que o pasado ano se remataron de devolver ao Estado os 150.000 euros anuais que viñan abonando desde o 2010 polas liquidacións negativas xeradas polo decrecimiento do PIB no 2008 e 2009.

Engadiu que nos pasados exercicios, non só repercutiu negativamente a crise económica nas contas municipais, senón tamén a escalada de prezos da tarifa eléctrica e o incremento de cinco puntos que experimentou o IVE.

Pola súa banda, Luciano Sobral mostrouse convencido de que o orzamento permitirá manter os servizos que se prestan, á vez que anuncio a elaboración de proxecto de investimentos públicos co remanente de tesourería, o Plan Concellos e axudas doutras Administracións.