Desbloqueada a senda peonil e ciclista ante o perigo da PO-308

Alfredo López Penide
López Penide POIO / LA VOZ

POIO

Infraestruturas estima que as expropiacións suporán un custo de 56.300 euros

22 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Se ata agora desde a Xunta viña esixindo que o Concello de Poio puxese a disposición da Axencia Infraestruturas Galega dos terreos necesarios para executar a primeira das sendas peonís e ciclistas previstas neste municipio, onte esta posición deu un xiro de 180 graos. «Vista a situación e a emerxencia social que ten esta actuación decidiuse iniciar xa o expediente expropiatorio», anunciou onte Francisco Menéndez, director deste organismo autonómico, quen deixou claro que se adoptou este cambio de criterio «dado o retraso do Concello de Poio en entregar os terreos como había sido o seu compromiso inicial».

Deste xeito, este venres o DOG publicou o anuncio polo que se somete a información pública este proxecto que abarca o tramo da PO-308 comprendido entre Covelo (Samieira) e Raxó. O prazo para presentar alegacións arrincará este luns e estenderase ata o próximo 7 de xuño.

O itinerario previsto enlaza os quilómetros 8,1 e 11,8 da estrada da costa estimándose que será preciso investir 2,2 millóns de euros. As previsións que manexa a Administración autonómica apuntan na dirección de que as expropiacións suporán un custo económico de 56.303 euros.

«Esta actuación ten o seu financiamento asegurado», remarcou Francisco Menéndez, quen apuntou que será cofinanciada con Fondos Feder. En principio, veranse afectadas un total de 57 leiras, algunhas delas de forma temporal e outras de xeito definitivo. Deste xeito, se os propietarios non están conformes cos prezos que lle oferte a Xunta poderán expor alegacións contra os mesmos e, mesmo, acudir á vía xudicial.

Neste sentido, desde a Administración autonómica tacharon de «moi necesaria» e «inaprazable» este senda. O obxectivo, por unha banda, é mellorar a seguridade viaria da PO-308 e, por outro, contribuír a fomentar a mobilidade alternativa, a saúde e, mesmo, o patrimonio e o urbanismo.

Incluído no Plan de Sendas, as actuacións concretas previstas neste proxecto é dotar a este itinerario de dous metros de ancho e un sistema de recollida de augas por drenaxe. De igual modo, proxectouse «a extensión dunha capa de rodura no tramo inicial da travesía de Raxó para adecuar a pendente da estrada e facilitar a drenaxe, e a construción de varios muros para a contención de terras e dúas pasarelas de 16,6 metros de lonxitude».

Ao tratarse dun tramo moi consolidado, con vivendas e negocios nas dúas marxes da estrada e que rexistra unha media de 1.710 vehículos diarios, a intención é, nas zonas urbanas, levantar beirarrúas a ambos os dous lados da PO-308 de formigón. Pola súa banda, nos ámbitos catalogados como rústicos, «executarase una senda peonil-ciclista mixta, en solo de cemento». De igual modo, habilitaranse zonas de estacionamento e mellorarase a iluminación e a sinalización.