Marín intenta salvar os sebes de boj dos seus parques e dous colexios danados pola praga da couza

Marcos Gago Otero
m. gago MARÍN / LA VOZ

MARÍN

Detectouse a presenza do insecto no cemiterio da Raña, nos colexios de Seixo e de Ardán, na subida a Mogor e en xardíns do centro urbano

25 abr 2017 . Actualizado ás 05:05 h.

O departamento de xardinería de Marín está aplicando un tratamento para combater a praga da couza invasora (Cydalima perspectalis) que está devastando os sebes de boj en distintos espazos públicos da comarca. A concelleira de Medio Ambiente, a popular Marián Sanmartín, explicou que se detectou a presenza deste insecto no cemiterio municipal da Raña, nos colexios de Seixo e de Ardán, na subida a Mogor en torno ao Cruceiro e nos xardíns das proximidades da casa consistorial e Aduanas no centro urbano.

O tratamento que se está utilizando é a base de piretroides, con produtos que actúan como un insecticida polivalente. Este é o método co que se están regando os sebes danados e os máis próximos nas parcelas públicas, co fin de preservar estas plantas ornamentais.

A praga da Cydalima perpectalis tamén se está deixando sentir no Morrazo, especialmente nas parroquias marinenses de Ardán, Seixo, San Tomei e O Campo. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro confirmou a chegada desta praga a todos os concellos costeiros da provincia.