O monólogo que condena os malos tratos

Cristina Barral Diéguez
cristina barral CALDAS / LA VOZ

CUNTIS

IES AQUIS CELENIS

María Torres, alumna do IES Aquis Celenis de Caldas, logra o segundo premio no concurso «Tíralle dá lingua»

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:10 h.

Un monólogo de creación propia sobre unha muller maltratada valeulle a María Torres Barreiro o segundo premio no concurso de relato oral Tíralle dá lingua. Esta alumna de 1º de bacharelato do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis obtivo o recoñecemento do xurado, que valorou a orixinalidade da súa exposición e tamén o feito de que optase por un monólogo dramático e non cómico, como adoita ser máis habitual.

Para esta estudante de 17 anos natural de Cuntis ter logrado o segundo premio na final celebrada o pasado 25 de abril no Teatro Principal de Santiago de Compostela foi toda unha sorpresa. Cóntao coa voz tomada desde a súa casa, onde se recupera dun arrefriado. «Foi unha sorpresa total. Alí había xente de toda Galicia, algunha moi boa, de moito nivel», di. María, que se decantou pola modalidade de Humanidades no bacharelato, explica que a idea de participar no certame que organiza desde fai dezasete edicións a Asociación Socio-Pedagóxica Galega partiu do grupo de teatro. Aí expúxose a súa participación xunto á da súa compañeira Uxía.

«Podíase optar por un monólogo en grupo, en parella ou individual ou por un relato, eu escollín o monólogo individual», comenta. Aínda que tiña dúas ideas en mente -un monólogo dramático e outro cómico- ao final decantouse polo dramático. O que si tivo claro desde o principio foi a temática: a historia dunha muller maltratada. Por que?

Problema visible

«Na sociedade na que vivimos é algo que temos que cambiar entre todos, é un problema visible día a día, en calquera ámbito, e non se pode mirar para outro lado», subliña. Afortunadamente non tivo que tirar de ningunha experiencia persoal nin moi próxima, pero, como ela mesma di, sobran os exemplos. «Hai casos que vemos na televisión, en noticias e reportaxes. Ao fin e ao cabo chega con iso, e mellor non ter que vivilo directamente», razoa María.

Cada intervención tiña que axustarse a un tempo máximo de cinco minutos. Ela empregou só dous. Foi suficiente para gañarse o recoñecemento do xurado. Esta alumna é das que creen que tanto o drama como a comedia teñen a súa dificultade, xa que non sempre é doado conectar co público: «Paréceme máis difícil o drama, pero facer rir tamén ten a súa complicación desde logo».

Do concurso Tíralle dá lingua leva un premio en metálico de 150 euros. O seu instituto, o Aquis Celenis, tamén recibirá a mesma cantidade económica. Pero María tamén leva do seu paso polo certame autonómico a amizade de Óscar, o gañador. «É un rapaza da Coruña que fixo un relato, un conto. Levo un amigo, si». Aínda que no centro educativo de Caldas leva só desde este curso, a súa vinculación co teatro, a súa gran paixón, vén de moi atrás. De cando era só un nena.

Arte Dramática

María fai teatro desde que tiña 6 anos e esa afección podería converterse, quen sabe, no seu modo de vida no futuro. De momento ten por diante acabar este curso e 2º de bacharelato antes de tomar unha decisión sobre o seu futuro profesional. «O meu soño é ser actriz», remacha. Con esa aspiración no horizonte uno dos estudos que baralla é Arte Dramática. Galicia conta coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD), situada en Vigo, inmersa desde hai varios anos nunha batalla para que estes estudos superiores se integren na universidade xunto ao resto dos artísticos. Pero María tampouco descarta outras posibilidades académicas. Todas de letras, iso si. «Xornalismo ou Publicidade e Relacións Públicas tamén están aí», desvela.

Aos seus 17 anos reitera que o teatro é a súa gran afección cando se lle pregunta que lle gusta fai no seu tempo libre. Á marxe de entretementos de xente da súa idade, a escena ocupa boa parte do seu tempo. E algún deporte? «Non, a verdade é que non. Fixen ximnasia rítmica de pequena, pero iso quedou no olvido», confesa.