Peregrinas que non son como as demais

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

BARRO

cedida

Todas sofren ou sufriron cancro; a enfermidade foi o seu nexo. Agora tamén as une o Camiño. E de que xeito

16 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando a María Perdiguero tocoulle lidar cun cancro de mama, faláronlle das asociacións de enfermos oncolóxicos, de que talvez lle viñese ben compartir experiencias con outras persoas que estaban a pasar polo mesmo. «E eu pensaba, claro, non me chega co meu que vou ir a escoitar o que teñen os demais tamén», lembra María. Tiña 36 anos entón. Plantoulle cara á enfermidade. Volveu facelo aos 38, cando se repetiu o diagnóstico. Agora enfila os corenta anos. E son moitas cousas as que cambiaron nela. Deuse conta de que os retos se superan. De que a vida hai que bebela a sorbos. E tamén descubriu que, tal e como lle dicían, o apoio de persoas que pasan pola mesma patoloxía é algo vital. Por iso María é unha das doce peregrinas que están facendo o Camiño Portugués nun grupo ben singular: son doce mulleres, todas elas vestidas de rosa e co denominador común de ter pasado ou estar a pasar por unha enfermidade oncolóxica.

Onte a media mañá, tras facer noite Pontevedra e ter gozado da xornada do día anterior por terras de Tui ou Arcade, as doce camiñantes rosas chegaron ata Barro. Pedíronlle á taberneira da Pousada do Peregrino que lles tivese preparada unha das súas famosas tortillas para almorzar. E alí plantáronse elas. Algunhas levaban xa bochas. A outras lles doían as articulacións... pero todas sorrían. «Isto demóstranos que as cousas si son posibles, que os retos están para acadalos. Todas as que estamos aquí pasamos por un cancro e algunha aínda está en tratamento. E aquí estamos. Somos conscientes de que outras persoas, mulleres como nós e tamén homes, quedaron no camiño, a algunhas tocounos velas quedar, pero as que estamos aquí temos que seguir adiante», sinalaba María.

A doutora González Casarío

Como se uniron estas doce mulleres? Contan elas que todas forman parte do proxecto fundado pola oncóloga Lucía González Casarío, da unidade de mama e ginecología do hospital Quirón de Pozuelo, en Madrid. Foi ela a que formou un gran equipo, con case 200 mulleres, chamado Corre en rosa. A idea é ben sinxela: pórse a correr e a andar para paliar os efectos secundarios dos tratamentos oncolóxicos. E que mellor para pór os pés en movemento que o Camiño de Santiago. Por iso é polo que o grupo de doce peregrinas desembarcase en Tui esta fin de semana para intentar chegar mañá a Santiago de Compostela.

A súa vestimenta de cor rosa e os seus sorrisos de pao a pao non pasaban onte desapercibidas. A primeira en quedar encantada coa visita foi a responsable da Pousada do Peregrino, que sinalaba: «Foi moi bonito telas aquí e ver o ánimo que teñen todas, a verdade é que me encantou que nos reservasen mesa para tomar o almorzo aquí». En Barro, tamén o tenente de alcalde, José Sanmartín, encargouse de saírlles ao Camiño. Deulles a benvida ao municipio, fíxose fotografías co equipo rosa e mesmo gravou un vídeo onde as protagonistas da iniciativa contan a súa experiencia vital.

Logo tocou seguir o camiño cara a Caldas e, máis tarde, ata Pontecesures, onde tiñan previsto durmir onte. Ás sete e media da tarde, aínda non acadaran o seu destino. María, convertida en portavoz e experta no Camiño, xa que é a terceira vez que o fai, concluía: «Imos moi tarde, moi cansas e con bochas... pero non importa, chegaremos. Iso seguro. É marabilloso o Camiño».

Todas elas, que son madrileñas, implicáronse nun proxecto chamado Corre en rosa

En Barro, un concelleiro saíulles ao paso e gravoulles un vídeo contando a súa experiencia

Barro pon libros nos bares da ruta xacobea para que os camiñantes deixen as súas firmas

Barro, tal e como onte explicaba o tenente alcalde, José Sanmartín, quere empatizar cos peregrinos, demostrarlle que é un municipio acolledor. Nesa liña, son varias as iniciativas que se puxeron en marcha. Unha delas consistiu en repartir libros nos locais de hostalerías para que os peregrinos poidan estampar neles as súas firmas e vivencias. O Concello distribuíu cinco libros noutros tantos establecementos e as anécdotas xa empezan a sucederse: «A primeira en inauguralo foi unha persoa brasileira. A verdade é que está funcionando moi ben, firma xente de todas as partes e algúns fan debuxos, xa que pasan moitos artistas», sinala o edil Sanmartín. A idea do Concello é recoller os libros en canto estean repletos de firmas e gardalos na casa consistorial para que xeracións vindeiras poidan coñecer o que significou o Camiño para Barro.

Esta non é a única iniciativa para achegarse aos camiñantes. Barro tamén ten un Facebook chamado O Camiño por Barro/Bay de Way Barro no que, en varios idiomas, vanse contando as novidades sobre a ruta. Por exemplo, grávanse vídeos dalgúns camiñantes e vanse subindo a Internet. Isto fai que sexan moitas as visitas que recibe a páxina. O tenente alcalde sinala que, ademais de recibir mellor aos peregrinos, este tipo de iniciativas están a lograr que haxa sinerxías e colaboración estreita entre os locais hostaleiros pegados ao Camiño.

O Concello de Barro está a pensar nunha iniciativa especial para Barosa, un sitio que visitan numerosos peregrinos. Estuda colocar un fotocol.