O rural colle o tren da reciclaxe

C. Pereiro PONTEVEDRA / LA VOZ

BARRO

Os concellos apostan por aumentar o número de colectores nas parroquias

28 may 2016 . Actualizado ás 05:10 h.

O esforzo que realizaron os concellos da comarca de Pontevedra en materia de reciclaxe é visible en todas as grandes vilas. Residuos orgánicos, envases e plásticos, papel e cartón e vidro, son frecuentemente separados polos seus veciños, que asumiron un papel voluntario pero de vital importancia de cara ao medio ambiente e o futuro. Agora, Barro e Cuntis tratan de estender este hábito ata as parroquias e as aldeas que durante anos non gozaron destes servizos.

Aínda que sempre houbo os típicos colectores verdes para residuos, non foi ata hai uns anos que as aldeas e pequenos núcleos do rural comezaron a poder separar os seus refugallos segundo a clase á que pertenzan. Nalgúns casos aínda é difícil facelo, pero concellos como o de Cuntis aseguran que realizarán futuros investimentos para reverter esa tendencia, e fomentar a reciclaxe.

No que vai de ano, coa chegada do novo grupo de goberno municipal en Barro, o Concello realizou a compra de varios colectores especiais para as súas parroquias, cubrindo case a totalidade do servizo. Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro, afirma que «todas as parroquias que corresponden ao noso municipio poden, como mínimo, separar os residuos orgánicos dos plásticos, que son, a fin de contas, o maior reclamo neste sentido».

Os colectores azuis e os dedicados ao vidro, xa son máis difíciles de ver fóra dos grandes núcleos, aínda que hai un en cada parroquia de Barro. «Trátanse de elementos moi específicos que non podemos levar a todos os puntos que desexamos polo seu custo, pero si que tratamos de achegalos ata os lugares máis cómodos para os veciños». Os concellos tratan de repartir os colectores equitativamente, nun traballo estatístico entre habitantes dun lugar, lixo xerado e colectores instalados. É obvio que pequenos núcleos como Barosela ou como Perdecanai non xeran o mesmo vidro que San Antoniño ou Porráns, que contan con negocios de hostalería e un maior número de habitantes. Por iso, inténtase situar o colector nun punto estratéxico que satisfaga ao maior número de veciños posible.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, recoñece que o Concello aínda non puido resolver, ao cento por cento, as peticións que lle chegan desde os diferentes puntos do seu municipio en canto á recollida e a separación de residuos. Mentres que é posible atopar colectores amarelos, os de papel e de vidro son unha rara avis na maioría dos núcleos pequenos.

Existen casos puntuais, como Moraña, onde recentemente, en Santa Lucía, veciños da rúa principal reclamaron máis presenza de colectores azuis para non ter que desprazarse medio quilómetro á hora de facer uso deles. A pesar deste caso, a maioría das súas parroquias poden separar os residuos, exceptuando, do mesmo xeito que Barro, o vidro, que está moito máis limitado.

Compostaxe

Aínda que recoñece non ter os deberes tan ben feitos como querería no rural, o Concello de Cuntis si se puxo ao día na materia de moda na reciclaxe, e adquiriu trinta composteros individuais para disposición dos seus veciños.

«Non podemos telos comunitarios debido ás estatísticas entre veciños e composteiro», explica o alcalde; «por iso decidimos facernos con trinta individuais, que proximamente repartiremos entre os cuntienses que o pidan, a través dun concurso de solicitudes».

A compostaxe na provincia foi un dos temas do ano, chegando a afianzarse totalmente tras a implicación de Vigo no plan provincial que a Deputación ten en marcha. Trátase dunha revisión do proceso de reciclaxe, máis barato que o actual, que cambiará o ciclo do lixo tal e como o coñecemos.

A colaboración dos veciños, indispensable para mellorar a recollida

Aínda que son os concellos os que queren promover a reciclaxe, a primeira e última palabra téñena os seus veciños, dado que serán eles os que voluntariamente fagan a separación de residuos no fogar.

Nos concellos cuestionados polo tema, todos afirmaron que, na maioría de casos de colocación de novos tipos de colectores, foron os propios habitantes do lugar os que reclamaron este servizo, mostrando unha crecente sensibilización por este tema.

«Levamos separando o lixo na casa dende fai varios anos», explica Manuel Estévez, veciño de Portela. «Que os concellos invertan nese sentido, na colocación de máis contenedores, aumenta a comodidade e as posibilidades de que outros veciños da zona se animen a reciclar».

Na actualidade, os pequenos da casa son un dos principais obxectivos das campañas de reciclaxe propostas polas Administracións, moitas veces realizadas en colaboración cos centros educativos.