O goberno local mellora a biblioteca, o campo de fútbol e humaniza a rúa Areal

Manu Otero VARRO / LA VOZ

BARRO

O investimento destes proxectos ascende a máis de 350.000 euros

10 mares 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

A humanización da rúa Areal, a instalación de calefacción na biblioteca ou a reforma das bancadas e vestiarios do campo de fútbol de Outeiro, son algúns dos proxectos aprobados polo goberno local de Barro no último pleno, que comezarán a converterse en realidade durante este mes de marzo e que supoñen un investimento superior aos 350.000 euros.

O plan máis destacado, dado que suporá un importante cambio na fisionomía da vía, é a humanización e pavimentación da rúa Areal e da contorna do tanatorio. Un obra que consistirá na implantación dun novo chan, tanto na calzada como nas beirarrúas; e na eliminación de barreiras arquitectónicas, creando un espazo propicio para o esparexemento das persoas. Así mesmo, o proxecto completarase coa colocación de mobiliario urbano. Nos arredores do tanatorio, aplicarase o mesmo tratamento. O orzamento reservado para este plan é de 250.000 euros, financiados entre a Deputación e o Concello.

Tamén encamiñado a mellorar a calidade de vida dos veciños é o plan para dotar de calefacción á biblioteca municipal, a través dunha rede de tubaxes que conectarán co sistema de caldeiras da nova casa consistorial. O comezo destas obras está supeditado á adxudicación do proxecto, que se producirá, con total seguridade, dentro deste mes.

Adxudicados xa se atopan os traballos do campo de fútbol que, cun orzamento de 100.000 euros achegados pola Deputación, servirán para conectar o recinto ás liñas eléctricas, así como para modernizar os vestiarios e as bancadas.

No mesmo pleno acordouse tamén a reforma da marquesiña do pavillón polideportivo da praza de San Antoniño, a mellora de diversas estradas e a ampliación da rede de sumidoiros en Curro .