Ana Pontón enxalza en Barro aos gobernos nacionalistas

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

24 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

No transcurso da cea coa que o BNG de Barro conmemorou o ecuador do seu mandato na alcaldía, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, enxalzou os gobernos liderados pola forza nacionalista: «Os gobernos municipais do BNG son os que marcan a diferenza en Galiza. A nós defínennos os feitos, e non só as palabras».

A este respecto, Pontón resaltou que «para gobernar hai que ter proxecto, solvencia, rigor e audacia para o poñer en marcha. E no BNG demostramos, alí onde gobernamos, que sabemos mellorar a vida das persoas e transformar os lugares».

Pola súa banda, o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes destacou que desde as pasadas eleccións municipais «fomos capaces de cambiar as dinámicas sociais de Barro, facer una aposta pola mellora na calidade de vida da xente e implicar a todos os colectivos sociais e a moitas persoas a título particular a través dunha política de participación e transparencia que nunca se vira no noso Concello». De cara aos dous restantes anos de mandato, é consciente de que, aínda que «son moitas as cousas que levamos feito, son moitas máis as que quedan por facer».