O convento con calor de fogar a pesar de ser xigante para só cinco frades

María Hermida
MARÍA HERMIDA PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Non é un espazo relixioso ao uso; que haxa un comedor social no baixo confírelle un ambiente moi especial

27 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O de San Francisco é un convento, si. Pero non é un convento calquera. Para empezar, polo menos polas mañás, pasear por el non implica facelo por un edificio cheo de silencios. Todo ao contrario, hai actividade por boa parte das súas moitísimos metros cadrados. Ter un comedor social na súa parte de abaixo, un espazo que leva aberto 28 anos, seguramente, sexa o que marque a diferenza con outros edificios relixiosos similares.

En San Francisco hai que empezar contando desde que uno chama a un timbre que soa case como unha enorme sirena. Debe oírse en toda a residencia conventual. Un pregunta polo franciscano que está ao mando, o gardián, é dicir, o pai Gonzalo, e enseguida aparece el. Dá igual que non se pediu cita. El recibe igual con espléndido sorriso e infinita paciencia. Está a axudar a preparar bocadillos. É un máis da vintena de voluntarios que colaboran para dar para comer todos os días a máis de cen presentas sen recursos. O pai ensina primeiro o comedor e a despensa na que hai alimentos «que se Deus quere deberían durarnos todo o ano». Logo invita a pasar á residencia conventual.

É un paseo agradable, no que sorprende a calor de fogar que desprende o recinto de pedra. Ás plantas superiores, ademais de por unha escalinata en pedra, accédese por un diminuto ascensor. «É moi pequeno, pero polo menos témolo, que xa é bastante. Hai que ter en conta que somos todos maiores», conta o pai. Efectivamente, os cinco frades que viven no convento pasan todos dos sesenta anos. O maior ten máis de noventa. «Aquí, hai dous séculos houbo máis de douscentos frades, pero agora fallan as vocacións», laméntase o gardián da congregación mentres o ascensor para no primeiro piso.

O pai Gonzalo ensina unha sala de lecturas modesta e un comedor funcional onde a mesa xa está posta. Na cociña, Sara, a encargada dos pucheros e a limpeza, conta que está a preparar peixe e tortilla. Nos corredores, sucédense as imaxes relixiosas. «Ata temos a San Isidro Labrador, mira que bonito é», di o pai. Hai tamén unha pequena biblioteca pero, sin duda, o máis espectacular é o claustro. Aí si reina o silencio. Hai sofás, algunha butaca... o lugar invita a sentarse e relaxar a vista mirando cara aos naranjos do patio. Dáse a casualidade de que, aínda que parte do convento son as antigas dependencias de Facenda, agora pechadas, todo o claustro principal pertence aos frades.

Na segunda planta, os cuartos. O pai Gonzalo abre a súa. «É un cuarto de frade, moi normal», di. Fai as veces de despacho e de dormitorio. Non falta un computador nin unha tele. Nin o escudo do Celta .