Nimo e Mayobre, campións galegos de media maratón

La Voz PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

O campionato galego de media maratón celebrouse polas rúas de Pontevedra con máis de dous mil corredores

17 oct 2016 . Actualizado ás 20:15 h.

Unha multitude de corredores tomaron as rúas de Pontevedra para gozar dunha festa do atletismo que mesturou á perfección a carreira popular coa alta competición autonómica. Por unha banda, uns competían polo cetro galego da media maratón e outros polo título de campión do circuíto de carreiras municipais que pechaba o curso coa súa última e definitiva proba. E a maiores, centenares de afeccionados que quixeron sumarse a esta celebración nunha xornada na que a choiva deu unha tregua que permitiu á cidade gozar do ambiente atlético.

Entre os máis de dous mil corredores que asaltaron o centro pontevedrés, o experimentado corredor Pedro Nimo foi o máis destacado. Xa na primeira volta ao circuíto destacouse na cabeza de carreira e soubo aguantar a súa posición de líder ata chegar á liña de meta con case tres minutos de vantaxe sobre o segundo clasificado. Iván Docampo foi o segundo, pero no seu rostro non había decepción por non ter conseguido o primeiro posto, xa que el foi o campión da carreira máis agardada do circuíto pontevedrés.

No cadro feminino, a primeira en cruzar a meta foi Paula Mayobre que se coroou tamén campioa galega de media maratón ao deter o crono nunha hora e dezaoito minutos. Ademais marcou a mesma diferencia que o seu homólogo masculino con respecto a Yolanda Gutiérrez, segunda clasificada que chegou a meta a case tres minutos da campioa Mayobre, que se conseguiu tamén o premio do circuíto municipal de carreiras.

CAPOTILLO

Desde minutos antes de tomar a saída ao redor das once da mañá, na Ponte dos Tirantes xa se respiraba o ambiente dun día grande de atletismo. Agardábase choiva para todo o día de hoxe, pero o ceo deu unha tregua aos milleiros de corredores e espectadores que se apiñaban nas beirarrúas da cidade. E os corredores non defraudaron. En dúas voltas a un circuíto de 10 quilómetros e medio pola ribeira do Lérez e polas rúas e prazas do centro da capital pontevedresa realizou o pelotón un alarde de sacrificio e competitividade que espertou os aplausos dos espectadores.

Ao seu paso pola icónica praza da Peregrina unha batukada daba ánimos a un xa exhausto grupo de corredores que ansiaba chegar á meta e pór fin a un esixente circuíto con algún que outro desnivel que puxo en aprietos ata aos corredores máis experimentados. Ao final, todo saíu ao pedir de boca e a media maratón que organiza cada ano a Sociedade Ximnástica volveu ser un éxito do que quererán ser partícipes o próximo ano moitos máis corredores.