A Metasequoia de Lourizán aspira a Árbore Europea 2016

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán promove a campaña

07 oct 2015 . Actualizado ás 12:16 h.

Pola súa historia, pola súa singularidade, pola súa maxestosidade, polo que supuxo para a supervivencia da especie e polo esforzo dos investigadores que o fixeron posible, a Metasequoia glyptostroboides do Pazo de Lourizán merece ser declarada Árbore Europea do ano 2016 (European Tree of de Year). Este exemplar é un dos candidatos españois finalistas a este título e o galardón decidirase por votación popular a través de Facebook para medir o aprecio da cidadanía por especies singulares ou simbólicas. Trátase dun concurso promovido en varios países por diversas asociacións ambientais, que en España xestiona Bosques sen Fronteiras, e para votar hai que facelo a través da ligazón https//www.facebook.com/bosquessinfronteras.

Un fósil vivente

A Matasequoia do arboreto do Centro de Investigación Forestal de Lourizán é unha especie consideraba un fósil vivente. Como tal fósil foi identificada en 1941 cando se cría desaparecida, pero en 1943 se redescubrió un exemplar vivo en Moudao-Lichuan-Bubei, China . Tras a súa identificación por Hsen-Hen Hu, fundador da taxonomía chinesa, un grupo de científicos conseguiu distribuír as súas sementes entre as principais institucións botánicas europeas e americanas para garantir a supervivencia da especie. E iso, a pesar da difícil conxuntura histórica, en plena Segunda Guerra Mundial e posterior continuación da contenda entre a China Comunista e a China Nacionalista.

Daquela primeira recolección duns dous quilos de sementes de metasequoia realizada en Moudao en 1947, a Lourizán chegaron once sementes a través do naturalista español Luis Ceballos e Fernández de Córdoba, que as conseguiu ao parecer vía Nova York e entregoullas a Fernando Molina, exdirector e gran impulsor do Centro Investigación Forestal. El foi quen as plantou en 1951 e só xerminou unha, segundo comentou a La Voz, Enrique Martínez Chamorro, actual director do centro, onde aínda se conserva o albarán das sementes.

Familia Botín

Martínez Chamorro cre que a Metasequoia de Lourizán «non só é un fósil vivente, senón un monumento en todos os sentidos». Tamén «pola súa bonita historia», símbolo do esforzo duns investigadores que a pesar das adversidades do contexto bélico foron capaces de identificar unha especie, garantir a súa conservación e distribuír as súas sementes. Pode haber outras en Europa, pero considérase que esta é única en España pola súa antigüidade e tamaño. Existe outro exemplar en Cantabria, nunha leira propiedade da familia Botín, pero é de 1956 e máis pequeno. O de Lourizán mide 35 metros de alto, o seu diámetro a 1,30 metros é de 83 centímetros e ten 260 centímetros de circunferencia. A copa é cónica e estreita e destaca polo seu esvelto porte e variacións cromáticas en cada estación. A piques de cumprir 70 anos goza de boa saúde e non necesitou de tratamentos especiais.