O polígono de Sequeiros contará con cinco novas empresas antes de fin de ano

M. outeiro varro / a voz

PONTEVEDRA

Os xestores do polígono negocian desde hai semanas para pechar a operación

28 ago 2015 . Actualizado ás 05:10 h.

A posición estratéxica do municipio de Barro e os seus polígonos industriais converten ao municipio nun lugar ideal para que as empresas establezan os seus centros de operacións. No parque empresarial de Sequeiros tramítase a construción de cinco naves industriais que «estarán en funcionamento antes de fin de ano», asegura Miguel Lago, o coordinador deste polígono.

Os xestores do polígono negocian desde hai semanas con cinco empresas «do sector da loxística e de nivel importante» para que ocupen estas novas naves e, segundo o coordinador de Sequeiros, comezarán a traballar en Barro antes de que acabe o ano aínda que o nome das mesmas non se fará público ata que se asine o contrato de alugueiro das naves.

É precisamente o carácter privado deste polígono, que permite o alugueiro de naves, o principal atractivo para as empresas posto que «os custos de instalación son moito menores que noutros polígonos», afirma Lago e engade ademais que Sequeiros conta con todos os permisos de funcionamento.

Con estas novas empresas, o polígono pechará o ano cunha ocupación próxima ao 30 %.