Barro mellorará a seguridade viaria do cruzamento da rúa Areal

varro / a voz

PONTEVEDRA

 O Concello pedirá a Fomento o pintado dunha liña amarela na marxe dereita para prohibir o aparcadoiro

27 ago 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

A falta de seguridade viaria no tramo urbano de San Antoniño é un problema que o goberno de Barro trata de resolver. Onte, o concelleiro de obras e tenente de alcalde, José Sanmartín (PSOE) visitou o cruzamento entre a N-550 e a rúa Areal acompañado co enxeñeiro de camiños, Carlos Basaco, para analizar posibles remedios aos habituais accidentes de tráfico que se producen nesta intersección.

É habitual que os vehículos que circulan pola estrada nacional en dirección Caldas viren á esquerda para desviarse á rúa Areal nun cruzamento no que a visibilidade é reducida por un cambio de rasante que ocasiona numerosas colisións por alcance.

Como solución provisional, o Concello pedirá a Fomento o pintado dunha liña amarela na marxe dereita da calzada para prohibir o aparcadoiro e conceder un espazo aos coches que circulan por esta vía para esquivar aos que agardan, no medio do carril, a poder incorporarse á rúa Areal.

Antes, o Concello debe asegurarse se as normas de tráfico permiten realizar este xiro á esquerda posto que as marcas viarias existentes «non están claras», sinala o socialista Sanmartín.