Semana vitivinícola

Juan Casares MEDIDA DÁS COUSAS

TOÉN

28 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Houbo un intre en que o eixe da cultura galega pasaba por Ourense; eran os tempos da Atenas de Galicia, a Comisión de Monumentos e os parrafeos do Tío Marcos d´a Portela. Neste ambiente intelectual medrou o eterno cenáculo de sabios ourensáns, os grandes conservadores galegos, que encheron de contido o galeguismo e deixaron unha descrición exacta da Auria de finais do século XIX e principios do XX. Daquelas a paisaxe cidadá en Velle, o Salto do Can e moitas leiras que hoxe constitúen o centro urbano mantiñan as cepas coma o elemento vexetal no cadro rural que describían. Auriabella capitaneaba unha provincia onde a auga reza, o viño fala e a pedra cala, tal e coma se le ao entrarmos na Arnoia.

O viño fora actor principal da historia de Ourense: ingrediente fundamental da dieta, fonte complementaria de ingresos e, por fin, moeda para o pagamento das rendas e foros ás casas fidalgas. A irrupción da modernidade desprazou o tradicional e eliminou esa paisaxe vexetal mudándoa por cemento. Mais na provincia trouxo canda si tempos de aposta pola calidade, a excelencia e o dinamismo dun subsector primario estratéxico para o conxunto de Galicia. Ourense, cualitativamente a provincia vitivinícola de Galicia, acubilla catro das cinco denominacións de orixe galegas, unha delas compartida con Lugo. A tradición do Ribeiro, o amencer de Monterrei, o universo de Valdeorras e o heroísmo da Ribeira Sacra, xunto co atlantismo de Rías Baixas, conforman a paleta de cores e sabores a través da que se expresa unha terra senlleira e ancestral: Galicia.

Evega rende unha homenaxe a un sector fundamental na nosa economía rural a través da primeira Semana Vitivinícola de Galicia que tentará achegar un pouco máis o mundo do viño á sociedade galega. Entre os días 5 e 8 de xuño en Ourense poderemos gozar dun gran evento que combina actividades de perfil técnico con outras de carácter divulgativo. Durante un días achegarémonos aos irmáns do norte de Portugal; coñeceremos mellor o papel do viño na cultura galega; acharemos as claves de porque se lle chama viticultura heroica, descubriremos innovacións na viticultura e incluso poderemos iniciarnos na nobre arte da cata.