Os empresarios e a Universidade de Vigo únense para adaptar oferta e demanda

Marta Vázquez Fernández
m. vázquez OURENSE / LA VOZ

SAN CIBRAO DAS VIÑAS

MIGUEL VILLAR

O polígono de San Cibrao e a institución académica asinan un acordo de colaboración

19 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A asociación de empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas e a Universidade de Vigo inician un camiño de colaboración. Onte mesmo os responsables de ambas as entidades asinaron un convenio que ten como fin o necesario achegamento entre empresa e universidade, para que unha e outra se adapten ás necesidades que hoxe en día marcan o mercado laboral e a especialización académica. Trátase dun acordo «ejemplar, práctico e moi creativo» -tal e como asegurou Elías Mera, presidente dos empresarios-, que terá unha duración de catro anos, prorrogables, e establece as pautas que regularán unha colaboración de primeiro nivel entre o recinto empresarial máis grande da provincia e a institución académica.

A posta en marcha da iniciativa foi aprobada polas empresas do recinto na súa última asemblea anual, celebrada o pasado mes de xuño. «Na asemblea xa destaquei que o 2017 está a ser un dos máis importantes para o empresariado por acordos e por convenios como o que nos vincula desde hoxe. Queremos aportar o noso gran de area para axudar, do xeito máis práctico posible, a facer posible a materia pendente da boa conexión entre formación, investigación, transferencia e necesidades reais das empresas», dixo Mera.

O convenio recolle accións como a organización de actividades académicas, tales como cursos, conferencias e seminarios; tamén menciona o apoio a investigadores; o intercambio de publicacións e traballos de investigación; a colaboración en proxectos culturais de interese común; a realización de prácticas en empresas; a orientación ao alumnado sobre o perfil buscado para esas prácticas ou a acollida de estudantes para traballos de fin de grao ou máster. Así mesmo, prevese desenvolver un protocolo para a realización de visitas. A realización conxunta de xornadas Universidade-Empresa está tamén entre as accións a desenvolver a través do convenio, do que se beneficiarán estudantes de todas as facultades e escolas.

A posta en marcha do convenio de colaboración ábrese unha etapa de conexión entre as dúas institucións.

«Fainos ilusión contribuír»

O presidente dos empresarios mostrouse satisfeito de dar o paso. «Fainos unha ilusión especial contribuír na orientación laboral e profesional dos universitarios, e máis nestes tempos de forte especialización», dixo Mera, quen asegurou tamén que «non oculto que os empresarios temos moitas esperanzas postas nos resultados deste convenio. Os beneficios serán mutuos». O reitor, pola súa banda, lembrou que é obrigación da institución académica achegarse ao empresariado. «Estamos obrigados a ser un elemento que traballa para a sociedade. Se non estiveramos aquí non faríamos ben o noso traballo», dixo Salustiano Mato.