«Queremos que se coñeza que aquí fanse cousas de moitísimo valor»

Marta Vázquez Fernández
MARTA VÁZQUEZ OURENSE / LA VOZ

SAN CIBRAO DAS VIÑAS

MIGUEL VILLAR

O recinto cumpre vintecinco anos de vida co reto de seguir creando talento e divulgando a ciencia

25 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A súa carreira profesional está moi vinculada á Tecnópole, na que leva case dende o principio. Nos últimos meses Luisa Pena, (Santiago, 1969) asumiu as responsabilidades do xerente do recinto -pola excedencia de Ricardo Capilla- e tócalle polo tanto ser a cara visible dun dos recintos empresariais máis innovadores da comunidade galega, que ten 115 empresas e este ano celebra o 25 aniversario.

-Neste tempo, cumpríronse os obxectivos que se marcaran ao principio?

-O parque xa leva anos consolidado. Ao principio a labor do xerente era promocionar o recinto porque era algo novo, non se sabía o que era un parque tecnolóxico e había que explicar as súas vantaxes. Os primeiros anos sempre son duros porque fai falta que se instalen algunhas empresas para que fagan de tractoras doutras. Foron anos de andar amodo pero sobre seguro, e de feito hai empresas que empezaron con nos e seguen aquí. Os obxectivos do parque foron cambiando en función das circunstancias e das necesidades e tentouse adaptar ás necesidades. Hoxe en días as demandas das empresas non son as mesmas que tiñan fai vinte anos, e o noso traballo e ir adaptándonos a esas necesidades e ofrecer o que nos piden, facilitarlles a vida.

-E cales foron esas demandas?

-No que respecta ás infraestruturas, cando empezamos tiñamos un edificio de incubadora de empresas. Había uns contratos e aos cinco anos os emprendedores tíñanse que marchar, e iso era un problema porque moitos querían seguir estando con nos, pero non eran o suficientemente grandes para poder comprar unha parcela. Así que nos adaptámonos a iso e construíronse dou edificios para alugar empresas máis consolidadas, que tiñan necesidades de espazos máis flexibles. Cando se creou o laboratorio de biotecnoloxía, se pensou en atraer empresas desde sector, que estaba descoidado en Ourense, para impulsalas facilitándolles a infraestrutura necesaria. Tamén creamos un centro experimental de enerxías renovables, montouse unha instalación fotovoltaica e un aeroxenerador experimental. Penso que fomos atendendo ás necesidades de cada momento.

-Demostrouse capacidade de adaptación...

-Si, e por iso montouse tamén o espazo coworking e, nos últimos anos, a domiciliación virtual. Vimos que había demanda de estar no parque de forma non física e a afiliación creceu de forma exponencial. Xa temos 27 empresas baixo esta modalidade, que non precisan ter oficinas pero teñen necesidade dun lugar no que centralizar correo, chamadas ou ter unha reunión, e poder tamén participar nas actividades que se organizan no recinto. As firmas valoran moito estar domiciliadas no parque, porque dálles imaxe.

-En qué cambiou a Tecnópole á provincia de Ourense?

-Penso que este recinto xa forma parte da provincia. Agora a xente é máis consciente do que somos porque fixemos moitos esforzos para que nos coñeceran. Penso que debe ser un orgullo para todos os ourensáns que a Xunta tomara a iniciativa de montar o parque tecnolóxico de Galicia en Ourense, unha decisión coa que se tentou nivelar a situación empresarial na comunidade.

-Cre que se valora o suficiente?

-Tal vez non o suficiente, nunca nos parecerá o suficiente, pero si miramos o número de visitas ao ano, a verdade e que son moitísimas, sobre todo de colexios. Queremos que se coñeza que as empresas do parque fan cousas de moitísimo valor. Tamén queremos seguir co labor de divulgación científica, para espertar nos rapaces o amor pola ciencia. Queremos crear un futuro mellor.

-Retos para o futuro?

-Seguir na consolidación, aumentar a comunidade de talento e continuar facendo proxectos interesantes coas empresas. Queremos é ser útiles, non só para Ourense, senón para toda Galicia.

-Cal é a media de idade dos empresarios.

-Está nestes momentos en 38 anos, e trátase de persoal moi cualificado, xa que o 90 % ten titulación superior. Ademais foi aumentando a presenza e mulleres ao longo destes anos, e actualmente xa son o 45 %.

«No 1993 levei moi boa impresión das infraestruturas, todo era moi moderno»

Aínda que nos últimos anos non se venderon moitas parcelas, Luísa Pena cre que a corto ou medio prazo esa situación pode cambiar.

-Estamos preparando un concurso para sacar á venda algún terreo, porque vemos que hai interese. Melloráronse ás condicións de acceso e xa tivemos mostras de interese, vemos que este ano hai movemento.

-Cantos metros hai dispoñibles nestes momentos?

-Da ampliación son 37.000 metros cadrados, e do parque antigo quedan outros 15.000.

-Cal é o recordo mais negativo nestes 25 anos?

-A marcha de T-Solar, que tivo moita xente traballando e creou moitas esperanzas, pero ao final non saíu ben.

-Cómo recorda a súa chegada ao Parque Tecnolóxico de Galicia?

-Eu son das veteranas, hai outras tres persoas que entraron un ano antes ca min, no 1993, cando empezou realmente a funcionar o recinto, aínda que a inauguración oficial foi en outubro do 1992. Eu cheguei no 1994, entrei cunha beca de FEUGA. Vin desde Santiago, onde fixen a carreira de Empresariais, sen saber que existía un parque tecnolóxico. Cando cheguei isto estaba bastante baleiro, pero levei moi boa impresión polas infraestruturas, que eran do último que se podía facer naqueles anos. O edificio principal xa tiña detectores de presenza de luz, todo era moi moderno, moi domotizado.

-Era un recinto empresarial atípico...

-Si, ademais entonces aínda había poucos empresarios e o ambiente era moi familiar. Coincidiamos todos na cafetería, que estaba montada aínda que non tiña persoal. Así que entre todos facíamos o café, gardábamos auga na neveira, foi algo curioso. Nos primeiros anos o que máis facían os responsables do parque era cultivar as relacións co exterior, buscando convenios e novas empresas.