Peregrinaxe

OURENSE CIDADE

25 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Valdebebas e a casa do Real Madrid, as instalacións do Barça en Sant Joan Despí, o santuario céltico na Madroa ou o explícito mundo do fútbol en Abegondo. Son só exemplos, dos que nos soan a case todos. Ao balompé moderno xa non lle abonda ese escenario ao que os seus fieis seguidores acoden cada domingo. Técnicos e formadores necesitan ademais un cuartel xeral, un centro de operacións no que nace toda programación medianamente elaborada día a día.

En Ourense, con todo, o déficit de infraestruturas foi importante desde hai décadas e por moito empeño que lle poñan os profesionais, o problema déixase notar. Xa nos tempos do desaparecido Club Deportivo Ourense, Luisito tivo que peregrinar co persoal que asentou en Segunda B por distintos campos da xeografía ourensá e practicamente viviu colgado do teléfono para saber cara a onde dirixía o GPS cando o seu automóbil saía de Santiago. A Unión Deportiva naceu con ganas de traballar, pero sen campos para deseñar a súa organigrama. Mesmo lle custou máis dun cabreo nas negociacións co Concello da capital, que ao cabo rematou mediando co veciño Colexio Miraflores -en Pereiro de Aguiar-, onde recalaron os herdeiros.

Instalacións modernas, funcionais e en exclusiva para o seu campo de fútbol 11. Unha nova casa. Un lugar onde crecer -e talvez o máis importante- unha praza onde identificarse cun proxecto que ten como norte a base, a práctica deportiva dos nenos e o selo dun club que ten razón de ser ao lado dos escolares. Aínda que sexa a uns quilómetros do centro.