O TSXG sinala que a filla dun médico do CHUO tivo un trato preferente nunha cesárea

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIDADE

PILI PROL

A operación realizouse «burlando a normativa do centro»

22 jul 2017 . Actualizado ás 14:49 h.

O Servizo Galego de Saúde e a súa aseguradora Zúric deberán indemnizar con 40.000 euros a unha muller que sufriu efectos secundarios tras fornecer anestesia para un parto por cesárea. A contía rebáixase así da inicialmente establecida polo xulgado do Contencioso Administrativo 2 de Ourense, que acadaba os 571.000 euros.

O Sergas presentou un recurso de apelación, ao mostrarse desconforme coa primeira sentenza, en referencia a uns feitos sucedidos no CHUO cando a demandante ingresou para dar a luz a xemelgos. Segundo explica o fallo, a paciente xa había tiña un fillo con anterioridade polo mesmo procedemento e baixo a asistencia da mesma xinecóloga que no segundo parto. Ademais, o ditame sinala que o pai da recorrente era tamén xinecólogo no mesmo centro hospitalario en que levou a cabo a intervención á súa filla e estivo presente no quirófano durante a mesma, acompañado pola nai e a irmá da paciente -ambas traballan no ámbito sanitario-. É por este motivo que os maxistrados do tribunal entenden que «non é crible que unha parturienta por segunda vez, tras a cesárea que se lle practicou no primeiro parto, filla dun xinecólogo do hospital e dunha auxiliar de clínica e irmá dunha médico, afirme descoñecer os riscos que poden derivar dunha intervención como a realizada».

Ás acusacións que a demandante realizou sobre que non se lle solicitou asinar un consentimento, a sentenza responde que «non interesaba deixar constancia escrita de iso» posto que a operación levou a cabo «burlando a normativa interna do centro que non admite a realización de cesáreas programadas os sábados». Nesta liña, o fallo engade que se aproveitou, dada a evidente influencia do proxenitor da actora, para elixir precisamente, e á súa conveniencia, ese día» para a intervención. Algo que apoiou o servizo de enfermería coas súas declaracións.

Doutra banda, a Sala do TSXG defende que se se cometeu algunha irregularidade, ou situación anómala, «non pode crerse» que non fose detectada nese mesmo instante por parte dos familiares da denunciante «que foron testemuñas presenciais do acto cirúrxico e cuxos coñecementos técnicos non terían permitido pasar por alto calquera disfunción». Tamén destaca o escrito o feito de que, tras a intervención, a paciente estivo máis tempo do necesario en reanimación, segundo o declarado polo persoal do centro, «porque se trataba dun ‘caso especial' ou, podía dicirse doutro xeito, ‘por ser vos quen érais'».

Conclúe así o ditame que, aínda que é certo que a anestesia non produciu o efecto adormecedor agardado e tivo que medicarse con calmantes á paciente, tamén o é que non pode establecerse se foi por unha mala actuación médica ou pola toxicidade do produto anestésico inxectado.

«Non cabe dúbida de que as circunstancias ata agora descritas reflicten unha situación irregular e censurable por parte do centro asistencial, atribuíble ao Sergas e aos seus cadros asistenciais no hospital de referencia, pero imputable tamén a quen se ha prevalido da súa situación de filla de profesional médico no centro», subliña o escrito co que se rebaixou notablemente a indemnización.

 O fallo apoia, en parte, a primeira sentenza ditada

O ditame recorrido xa establecía que se trataba dunha cesárea programada que constituía unha irregularidade administrativa ao ocultarse baixo a aparencia dunha cesárea de urxencia para realizala un día non permitido». E afírmase no fallo do TSXG que «non hai constancia, dado o segredo con que se realizou todo o proceso asistencial, de que a afectada retornase ao centro alertando da grave doenza posteriormente aparecida».