21 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Vaia por diante que me rechiflan. Recoñezo que con estes días de calor o que máis presta á tardiña (ou a calquera hora) é un café nunha terraza, xa sexa ao sol ou á sombra (segundo a hora). Préstame e sábeme a gloria ese momento. Pero iso non quita que moitas veces mire para as terrazas con certo asombro polo fociño que lle botan algúns hostaleiros a iso de sacar mesas e cadeiras fóra. Porque nalgúns sitios tense instalado aquilo de «la calle es mía» e non hai por onde pasar. Xa non falo de xente con bastón nin moito menos en cadeira de rodas (que teñen os mesmos dereitos, vaia por diante tamén), que precisan máis espazo para moverse, falo de peóns con axilidade para moverse. Hai xincanas que parecen menos dificultosas que cruzar algunhas rúas cheas de terrazas. O casco vello de Ourense é un caso alucinante, aínda que non (por desgraza) único. Case tes vergoña de pasar porque algunha vez medio acabas dentro dunha conversa nunha mesa calquera se atopas alguén de fronte e te arrimas para deixar pasar. Case se me fai odisea pensar nunha persoa en cadeira de rodas intentando pasar; ou uns pais cun cariño para xemelgos. ¡Iso xa debe ser de traca! É o mesmo problema ano tras ano, verán tras verán, e sempre se fala en futuro do que se vai mellorar. Anúncianse medidas futuras, pero custa mover ficha máis alá, que xa se sabe en todos sitios que o da hostalería é un sector ruidoso. E como xa hai dereitos adquiridos, pois vaise deixando facer. E así están na Rúa, con terrazas cheas de toldos que case parecen galpóns no medio da vila. Bonitas non quedan, por prácticas que sexan ás veces, e moito sitio non deixan.